A Deputación abre a inscrición á 15ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, que se centrará no uso do dourado no patrimonio cultural

A cita anual de referencia organizada polo Museo de Pontevedra coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia celebrarase os días 19 e 20 de novembro no Edificio Castelao

07/09/2026

A Deputación abre a inscrición á 15ª edición do Encontro de Conservación e Restauración, que se centrará no uso do dourado no patrimonio cultural

O XV Encontro de Conservación e Restauración, que cada ano organiza o Museo de Pontevedra coa colaboración da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, centrarase nesta ocasión no dourado, unha técnica presente en retablos, esculturas, pinturas, obxectos arqueolóxicos e elementos arquitectónicos de diversa natureza. Será os días 19 e 20 de novembro no Edifico Castelao, coa presenza de restauradores e expertos procedentes de Países Baixos, Italia e España. Xa está aberta na web a inscrición para asistir de maneira gratuíta: https://museo.depo.gal/encontro-conservacion-restauracion.

Ao longo das dúas xornadas do encontro, abordaranse a historia do dourado, os materiais e procedementos empregados na súa execución, así como os avances máis recentes no seu estudo, conservación e restauración. No encontro intervirán profesionais de referencia para cada unha das áreas temáticas que se abordan. A perspectiva doutros países de Europa estará presente no encontro coas intervencións de Giulia Sara de Vivo, conservadora de pinturas do Rijksmuseum, que falará das técnicas e procesos de decoración con pan de ouro; e a restauradora Elisa Pucci, do Opificio delle Pietre Dure italiano, que falará da restauración dos grandes bronces dourados de interese arqueolóxico e histórico.

Outras conferencias centraranse en aspectos concretos vinculados a esta técnica: o brocado aplicado, a conservación en superficies murais, o dourado sobre patrimonio metálico ou a experiencia no Museo do Prado na limpeza de superficies douradas e na reintegración do ouro, entre outras. O encontro completarase con visitas á exposición permanente do Museo de Pontevedra e á Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 16 de novembro a través da web do Museo. As prazas son limitadas. O encontro está orientado a profesionais de museoloxía e está aberto a estudantes de disciplinas relacionadas, como conservación e restauración, historia, ou historia da arte. Ten carácter presencial, aínda que as intervencións serán rexistradas en vídeo e posteriormente postas a disposición do público no sitio web do Museo.