Rafa Domínguez pon en valor a importancia do Camiño Portugués a Santiago no Encontro Internacional de Hospitaleiras e Hospitaleiros
20/09/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, remarcou este sábado durante o Encontro Internacional de Hospitaleiras e Hospitaleiros do Camiño Portugués a Santiago, organizado pola Asociación Europea dos Camiños de Santiago, a importancia desta vía cara Compostela. O vicepresidente provincial lembrou que o Camiño Portugués está vivindo un aumento de arredor do 10% anualmente, reunindo xa preto do 40% de todos os peregrinos que chegan á Praza do Obradoiro e sendo o que ten cifras máis altas de peregrinos internacionais só por debaixo do Francés.
Rafa Domínguez tamén puxo en valor “a hospitalidade da nosa xente” e sinalou a importancia do Camiño para a provincia de Pontevedra, “que non só nos axuda a posicionarnos como destino, senón que contribúe ao desenvolvemento económico de tantas familias e a custodiar un legado inmaterial, patrimonial e natural que fai da provincia de Pontevedra, das Rías Baixas, un auténtico paraíso”.





