A Deputación programa para esta fin de semana espectáculos teatrais en Mondariz, Rodeiro, O Rosal, Sanxenxo e Soutomaior no marco de +Escénicas
O venres 13 “Enredada” chegará a Soutomaior, o sábado será a quenda de “Cotorras” en Rodeiro e “A verdadeira historia dos tres porquiños” en Sanxenxo; e o domingo representarase “Cotorras” en Mondariz e e “Esas cousas marabillosas” no Rosal
11/11/2026
A Deputación de Pontevedra programa novas actuacións en Mondariz, Rodeiro, O Rosal, Sanxenxo e Soutomaior no marco do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. En concreto, o venres 13 de novembro, ás 20:30 horas, “Enredada” de Leti da Taberna chegará ao Multiúsos de Arcade (Soutomaior); o sábado será a quenda de “Cotorras” de Malasombra ás 21:00 horas no Centro Cultural Municipal Manuel Lamazares de Rodeiro e de “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz” de Teatro del Andamio ás 18:00 horas no Auditorio Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo; e o domingo 15 terá lugar novamente “Cotorras” pero ás 18:00 horas no Auditorio municipal de Mondariz e ”Esas cousas marabillosas” de Empatía Teatro ás 19:00 horas no Auditorio municipal do Rosal.
Leti da Taberna en “Enredada” explorará a relación das persoas coas redes sociais e como estas inflúen no día a día. A propia Leticia Miraz, taberneira "de nacemento" e con formación sociosanitaria, fíxose popular a raíz de comezar a publicar contidos en TikTok en 2020. O obxectivo deste espectáculo é provocar que os espectadores se vexan reflexados coas situacións que presenta para que acaben rindo de si mesmos.
Pola súa banda “Cotorras” é un espectáculo pensado para un público adulto centrado no interior dunha casa aparentemente ordenada e confortable, onde un matrimonio se prepara para recibir a unha parella de amigos cos que quedaron para cear. Mentres ultiman os detalles, el, un político en plena campaña de reelección, aparece na televisión pronunciando un discurso feminista impecable: palabras medidas, xestos ensaiados, consignas sobre igualdade, empoderamento e xustiza social, pero… por que esas palabras non teñen cabida na súa propia casa? Cotorras é unha divertidísima comedia que mostra a hipocrisía deste político cun discurso público feminista e unha actitude tremendamente machista na súa vida privada.
Teatro del Andamio representará “A verdadeira historia dos tres porquiños e o lobo feroz” en Sanxenxo, un espectáculo de actores e obxectos no que se narra a historia dos dous porquiños e a súa irmá, unha porquiña moderna, intelixente e loitadora. Trátase dunha visión actual que defende dous principios fundamentais: a igualdade e a solidariedade.
Finalmente “Esas cousas marabillosas” presenta, con numerosos personaxes e situacións, e coa axuda e complicidade do público, unha peza tenra, divertida e emocionante sobre a depresión e ata onde chegamos pola xente que queremos. Trátase dunha comedia que pretende cambiar a vida para ben.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Nesta terceira edición conta cun orzamento de 204.000 euros e cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.