A Deputación programa esta fin de semana dous espectáculos en Moaña e A Illa de Arousa enmarcados no circuíto +Escénicas
O venres 6 “Historias para escagharriñarse” chegará ao Centro Sociocultural Daniel Castelao de Moaña, mentres que o sábado 7 será a quenda de “As aventuras de Nabiza girl: O estraño caso da Cultura Minguante” no Auditorio municipal da Illa de Arousa
04/11/2026
A Deputación de Pontevedra programa esta fin de semana actuacións e Moaña e A Illa de Arousa que forman parte do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. En concreto, o venres 6 de novembro, ás 18:00 horas, “Historias para escagharriñarse” chegará ao Centro Sociocultural Daniel Castelao de Moaña, mentres que o sábado 7 será a quenda de “As aventuras de Nabiza girl: O estraño caso da Cultura Minguante”, neste caso ás 20:00 horas no Auditorio municipal da Illa de Arousa.
“Historias para escagharriñarse” conta a historia de tres cíngaros que percorren o mundo co seu carromato contando vellas historias da cultura popular que removerán pesadelos nos incautos oíntes. Coincidindo co seu 20 aniversario, Teatro Ghazafelhos recupera un dos seus primeiros espectáculos de rúa e, co seu característico humor, repasarán historias como as de A Cabra Montesina, As Lavandeiras, a Santa Compaña... Trátase dun espectáculo cómico de rúa para todos os públicos.
En “As aventuras de Nabiza girl: O estraño caso da Cultura Minguante” Isabel Risco volve meterse na pel da súa personaxe máis coñecida e querida. Desta volta, a superheroína enfróntase a un dos seus maiores retos, combater a desaparición progresiva da cultura galega. Conseguirá, cos seus superpoderes e unha gran dose de retranca, vencer ás forzas do mal unha vez máis? Nabiza Girl contará ademais coa colaboración de Don Galizo, un axudante, interpretado por Alberte Bello, que porá todo tipo de atrancos cómicos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Nesta terceira edición conta cun orzamento de 204.000 euros e cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.