A Deputación programa esta fin de semana espectáculos teatrais na Caniza, Meis, Moaña e Valga no marco de +Escénicas
O venres representarase “Bulebule” en Moaña e “Os contos de Violeta” en Valga, o sábado “Cabaré Climático” na Caniza e o domingo “Molto Barroco” en Meis
17/11/2026
A Deputación de Pontevedra programa novas actuacións esta fin de semana no marco do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes, que se desenvolverán entre os días 20 e 22 de novembro nos concellos da Caniza, Meis, Moaña e Valga.
As representacións da fin de semana comezan o venres 20, ás 18:00 horas, en Moaña da man dos Náufragos Teatro e “Bulebule”, na Sala Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao-Quintela. Para público infantil, a partir dos 4 anos, trata sobre o trastorno do déficit de atención con hiperactividade (TDAH) a través dunha nena, Candela Bulebule, que ten moita enerxía e non para, pero se distrae, máncase e perde cousas. A nena sofre estereotipos como que é impulsiva, torpe ou descoidada.
Tamén o venres, ás 19:00 horas na Casa da Cultura de Valga, representarase “Os contos de Violeta”, de Bea Campos. Para nenas e nenos a partir dos 3 anos, trátase dun espectáculo de contos con música arredor dunha nena á que lle encantan as historias onde nenos e nenas poden facer as mesmas cousas, e leva sempre unha maleta na que garda os seus libros favoritos para compartir e para romper os estereotipos e os roles asignados tradicionalmente.
O sábado 21 terá lugar “Cabaré Climático”, de VasRIR, no Auditorio municial da Caniza ás 20:30 horas. A obra sitúase no futuro, concretamente en 2075, ano no que o cambio climático é xa unha realidade e, alén das repercusións que xa se supoñían, hai outras nas que ninguén reparou. A obra fai unha aproximación con música en directo e humor sobre como o cambio climático podería afectar no futuro ás relacións entre individuos e de parella ou ao carácter.
En último lugar, o domingo 22 “Molto Barroco” de Píscore chegará ao Auditorio municipal do Mosteiro, en Meis, a partir das 19:00 horas. O espectáculo é un percorrido pola música barroca acompañado de escenas cómicas pensado para todos os públicos. Está ambientado nunha corte real europea de mediados do século XVIII, habitada polo rei, a raíña, o bufón e un compositor que se reúne nunha pequena estancia con tres dos seus músicos para sacar adiante os encargos musicais do monarca.