A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Caldas de Reis cunha obra de teatro a cargo de Malasombra

O espectáculo “O proceso” dirixido ao público adulto representarase no Auditorio Municipal ás 19:00 horas

19/03/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 22 de marzo o circuíto +Escénicas ao Concello de Caldas de Reis da man da compañía de teatro Malasombra que representará “O proceso” no Auditorio Municipal ás 19:00 horas. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.

“O proceso” é un espectáculo pensado para o público adulto escrito por Cándido Pazó que recrea a denuncia histórica de 1880 contra Curros Enríquez por parte do bispo de Ourense por uns poemas do seu libro Aires da miña terra. A partir destes feitos históricos constrúese unha peza que, en ton de sainete cómico, aborda con frescura e desenfado, pero con rigor e reflexión, a cuestión do hoxe en día chamado “lawfare”, así como outros temas (a lingua, a cultura, a identidade...) que seguen vixentes na actualidade.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril do pasado ano e este mes de marzo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.