A Deputación leva esta semana tres espectáculos do circuíto +Escénicas á XXIX Mostra de Artesanía de Agolada

A obra Charlatán Rodríguez representarase o martes 11 ás 18:00 horas e Auga e Terra: a pel do territorio e Flash o mércores 12 ás 12:00 e ás 18:00 horas, respectivamente, nos tres casos nos Pendellos

09/08/2026

A Deputación leva esta semana tres espectáculos do circuíto +Escénicas á XXIX Mostra de Artesanía de Agolada

A Deputación de Pontevedra leva esta semana ata Agolada a nova edición do circuíto +Escénicas, unha iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase de tres espectáculos que se representarán dentro da programación da XXIX Mostra de Artesanía de Agolada: o martes 11 de agosto terá lugar ás 18:00 horas Charlatán Rodríguez, de Rendos Pequeno, o proxecto do cómico e músico Félix Rodríguez, mentres que o mércores 12 será a quenda de Auga e Terra: a pel do territorio, de Giovanni Peixoto e Inés Piñeiro (12:00 horas) e Flash, de Dani García (18:00 horas). Os tres espectáculos representaranse nos Pendellos.

Charlatán Rodríguez está pensado para un público familiar e segue a historia dun charlatán que chega á vila coa súa lingua afiada, os seus instrumentos afinados e seu posto de venda ateigado de remedios para todos os males. Armado de retranca e coa sabedoría que dá percorrer todos os camiños, será quen de vender ao público menciñas que non necesitan a prezos que non poden pagar, cun catálogo infinito de solucións inútiles para problemas inexistentes, laretadas baleiras, melodías inventadas, pequenas grandes ilusións e contos de impostor.

Pola súa parte, Auga e terra: a pel do territorio é un espectáculo de danza é a terceira peza de Giovanni Peixoto e Inés Piñeiro e naceu a partir da invitación de Santiago Pérez, da produtora EscénaTe, para inaugurar a nova nomenclatura do GDR Terra e Auga. A obra expandiuse grazas á colaboración da coreógrafa Marion Sage e do director de teatro visual Wagner Cintra. Actualmente desenvolven o proxecto de Teatro Ruralitario en Mondariz.

Por último, Flash presenta unha historia arredor dun fotógrafo ambulante de hai máis dun século que tenta exercer a súa profesión: preparar a cámara, buscar a luz perfecta, ordenar os seus improvisados modelos e capturar instantes únicos. Pero os obxectivos cobran vida, as imaxes rebélanse, o tempo estírase e dóbrase e cada fotografía convértese nunha pequena aventura. O espectáculo, converte as nenas e nenos en protagonistas, nunha sucesión de escenas nas que a maxia, o humor e o teatro xestual se mesturan.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.