A Deputación leva este domingo 16 de agosto a Pazos de Borbén un concerto de De Vacas

O espectáculo terá lugar na praza do Concello ás 20:00 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

13/08/2026

A Deputación de Pontevedra leva este domingo 16 de agosto a Pazos de Borbén a xira Rebovina Divas Live do grupo De Vacas. O concerto está enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na praza do Concello ás 20:00 horas.

De Vacas desempoarán as súas mellores galas en Pazos de Borbén para homenaxear as divas do pop: Whitney Houston, Celine Dion, Mónica Naranjo, Britney Spears, Beyoncé... todas elas compañeiras de traballo, da vida e do amor, que acompañaron coas súas cancións momentos felices. As letras, o seu sinal de identidade, seguen na liña do compromiso co feminismo, o ecoloxismo ou a poesía. As harmonías de voces e guitarra marcan o carácter dun grupo que explota a enerxía ao extremo no escenario.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.