A Deputación esgota en menos de dúas horas todas as prazas para participar nas Rutas das Maceiras en Flor da Estrada
120 persoas desfrutarán de tres rutas con saída e chegada á Capela de San Roque de Pontevedra para visitar as sidrarías Rabiosa, Peroja e Camino e que inclúen visitas a plantacións e degustacións
04/05/2026
A Deputación de Pontevedra esgotou en menos de dúas horas as 120 prazas dispoñibles para participar nas Rutas das Maceiras en Flor que terán lugar o próximo sábado 9 de maio na Estrada. Tras abrir este luns o prazo de inscrición, completáronse os tres percorridos que discorrerán polas plantacións de Pardemarín, Agar e Moreira e as sidrarías Rabiosa, Peroja e Camino, que ademais contan con lista de agarda ao superar as solicitudes o número de prazas ofertadas. En cada ruta participarán 40 persoas que se desprazarán desde a capela de San Roque de Pontevedra a través dun servizo de autocar.
O sábado 9 de maio ás 10:00 horas partirán dúas rutas: a Rabiosa, que inclúe unha visita á plantación de Pardemarín e á sidraría Rabiosa, e a Peroja, que percorre a plantación de Agar seguida dunha visita á sidraría Peroja. O regreso á capela de San Roque destes dous roteiros está previsto para as 14:45 horas. Pola súa banda, ás 16:00 horas arrancará desde Pontevedra a Ruta Camino, que contempla unha visita á plantación de Moreira e á sidraría Camino. Neste caso, o regreso á capela de San Roque terá lugar a partir das 20:45 horas. Os tres itinerarios ofertados pola Deputación de Pontevedra están pensados para todos os públicos.
As Rutas das Maceiras en Flor son experiencias completas arredor do mundo da mazá e da sidra, con visitas a plantacións de maceiras autóctonas, percorridos guiados por sidrarías locais e degustacións de produtos elaborados a partir de mazás da provincia. Uns itinerarios únicos que combinan natureza, tradición e gastronomía local.