A Deputación estrea este xoves Cata con Historia, un programa para achegarse ao Castelo de Soutomaior e aos viños da D.O. Rías Baixas con todas as prazas esgotadas
A primeira actividade, “Rías Baixas do norte ao sur”, estará a cargo do sommelier Jacobo Rivas e percorrerá as cinco subzonas da Denominación de Orixe
04/08/2026
Un grupo de 15 persoas participará este xoves 6 de agosto no Castelo de Soutomaior na primeira actividade do programa Cata con Historia, promovido pola Deputación de Pontevedra para achegarse á historia do castelo e aos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. A actividade, que se repetirá os días 12 e 20 de agosto, comezará ás 19:30 horas a cargo do sommelier Jacobo Rivas, encargado da selección completa dos viños de cada unha das citas. As prazas para as tres quendas, nas que participarán un total de 45 persoas, esgotáronse en tan só trinta minutos desde a apertura das inscricións o pasado venres 31 de xullo.ñ
A estrea de Catas con Historia irá da man da actividade “Rías Baixas de norte a sur”, unha cata horizontal que percorre as cinco subzonas da D.O. Rías Baixas (Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Ribeira do Ulla e Soutomaior) para amosar como o chan e a proximidade ao mar transforman o albariño de outras variedades autóctonas. A cata contará con maridaxe de produto local de tempada.
O 12 de agosto o programa continúa con “A eclipse no viñedo”, unha cita que combina a cata coa observación da eclipse solar, cuxo momento álxido chega ás 20:29 horas. A sesión avanza “de luz a sombra”, dos viños máis novos e luminosos aos de maior crianza, mentres todas as persoas asistentes contarán con material homologado para seguir a eclipse, da que haberá unha breve explicación. A cata, ao igual que a anterior, contará con maridaxe de produto local de tempada.
Finalmente, o 20 de agosto, terá lugar “O reto do sommelier”, unha cata a cegas por parellas ou pequenos grupos, guiada con pistas de Jacobo Rivas e combinada con produto local de tempada. Trátase dun formato lúdico e participativo e dunha cita co viño, coa memoria e a paisaxe.
Os viñedos do Castelo de Soutomaior, que se estenden en catro hectáreas (o recinto ten unha extensión de 23), foron plantados en 1984. A uva é autóctona, na súa maioría albariña, con presenza doutras variedades brancas como o godello, torrontés, loureiro e treixadura, e mesmo tintas, como o mencía e sousón.