A Deputación conclúe con éxito o proxecto europeo que facilita as oportunidades dos pequenos concellos para acceder a financiamento externo

Os deputados provinciais Javier Tourís e Pablo Castillo participaron no acto de peche do proxecto C2 Axenda 2030 Local, liderado pola Deputación en colaboración coas deputacións de Cáceres e Huelva, tres comunidades intermunicipais portuguesas e a Universidade de Vigo

09/09/2026

A Deputación conclúe con éxito o proxecto europeo que facilita as oportunidades dos pequenos concellos para acceder a financiamento externo

A Deputación reuniu este mércores en Pontevedra alcaldes e alcaldesas das provincias de Pontevedra e Cáceres no marco do evento de peche do proxecto europeo C2 Axenda 2030 Local, liderado pola institución provincial de 2023 a 2026 co obxectivo de reforzar a capacidade dos concellos de menos de 10.000 habitantes de tres territorios transfronteirizos á hora de acceder a financiamento autonómico, estatal e europeo. O deputado provincial e alcalde de Covelo (un dos concellos participantes), Pablo Castillo, deu a benvida aos asistentes, entre os que se atopaban presencialmente (o encontro tamén puido seguirse en liña) os alcaldes e alcaldesas de Oia, Moraña, As Neves, Pazos de Borbén, Pontecesures e Portas, así como dos cacereños Bohonal, Herreruela e Valencia de Alcántara, mentres que o deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, foi o encargado de pronunciar as conclusións.

Na súa benvida, Pablo Castillo puxo o foco na súa dobre condición de deputado e alcalde para ilustrar os beneficios do proxecto. “O seu valor é que non queda en informes ou diagnósticos, senón que chega de verdade aos municipios” de Pontevedra, Cáceres e Huelva, na parte española, e as comunidades do Alto Minho, Beira Baixa e Baixo Alentejo, entre os socios portugueses, con iniciativas como “a elaboración dunha folla de ruta e a posta en marcha dun proxecto transformador que nace dese traballo”. Todo iso, asegurou, “levou consigo un enorme esforzo para o concello, pero valeu a pena porque xeramos novas oportunidades de aprendizaxe e enriquecemento sobre os retos que debemos abordar para que o desenvolvemento rural sexa sostible”.

Pola súa banda, Javier Tourís sinalou que “este proxecto nace do compromiso do noso goberno cos pequenos concellos e co desenvolvemento do interior e o rural da provincia, e sae adiante polo noso municipalismo e polo esforzo dos alcaldes e os técnicos municipais”. O deputado sinalou que “este proxecto amosounos que os problemas do rural aos dous lados da raia son os mesmos, e rompemos fronteiras invisibles para aprender e deixar de sentirnos illados fronte aos desafíos globais”. Tourís apostou por “crear unha rede permanente que permita que estas sinerxías non sexan puntuais, senón unha vía de entrada a máis colaboracións para o futuro dos nosos pobos, con xestión útil, recursos optimizados e oportunidades para a mocidade”.

Máis de 80 concellos implicados con arredor de 60 follas de ruta e proxectos transformadores

A Deputación de Pontevedra acompañou os concellos da provincia no proceso de planificación estratéxica da man do proxecto europeo C2 Axenda 2030 Local, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027 e do que a institución provincial é coordinadora cun orzamento de preto de 800.000 €. O principal cometido foi dotalos dunha planificación estratéxica, aproveitando as sinerxías para identificar retos compartidos e xerar proxectos comúns, xa que esta é cada vez máis requirida nas convocatorias de axudas. A filosofía do proxecto partiu da capacitación e da colaboración (o “C2”) para que os concellos teñan un papel máis activo á hora de identificar os seus obxectivos e poidan xerar sinerxías con outros que afrontan problemas e oportunidades similares.

O proxecto conseguiu implicar 80 concellos do espazo transfronteirizo, coa elaboración de 62 diagnósticos cos que se elaboraron 58 follas de ruta adaptadas a cada municipio, establecendo prioridades e actuacións concretas para avanzar na incorporación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible ás políticas locais. No apartado de formación, realizáronse 5 cursos en liña impartidos pola Universidade de Vigo, 16 webinarios sobre temas de actualidade para o desenvolvemento rural e 4 ferramentas de capacitación deseñadas polos socios do proxecto. Tamén se elaboraron máis de 60 proxectos transformadores perfilados a partir dun traballo colaborativo. Ademais, creáronse unha Comunidade de Aprendizaxe e un Observatorio concibido como un espazo onde integrar o coñecemento e as boas prácticas para que todo o adquirido durante o proxecto poida seguir empregándose posteriormente.

C2 Axenda 2030 Local baseouse en tres vías principais de actuación: a diagnose e xeración de ferramentas para identificar necesidades concretas e deseñar ferramentas adaptadas, actividades de capatización colaborativa (seminarios, cursos e comunidades de aprendizaxe) para facilitar o contacto e aprendizaxe mutuas e para concretar proxectos colaborativos, e a creación dun observatorio de localización da Axenda 2030 para integrar o coñecemento e as boas prácticas identificadas durante o proxecto, que servirá tamén para darlle continuidade. A Deputación desenvolveu este proxecto coas deputacións de Cáceres e Huelva e as comunidades intermunicipais do Alto Minho, Beira Baixa e Baixo Alentejo (Portugal), ademais da participación académica da Universidade de Vigo.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 16 resultados.