A Deputación leva ao Palacete das Mendoza a exposición “Paisaxes de mar e oficio” de José Luis Millán Coira
A mostra fotográfica poderá visitarse na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas entre o próximo venres, 8 de maio, e o 24 de maio
03/05/2026
A Deputación de Pontevedra abre ao público o próximo venres 8 de maio a exposición “Paisaxes de mar e oficio”, do fotógrafo vilagarcián José Luis Millán Coira. Na mostra, que se poderá visitar na sala de exposicións do Palacete das Mendoza (sede de Turismo Rías Baixas) ata o 24 de maio, Millán Coira recolle historias de vida, esforzo e identidade.
“Paisaxes de mar e oficio” é unha escolma de fotografías onde o mar e a terra se atopan, xerando unha paisaxe feita de luz, de sal e de traballo. En cada imaxe, o fotógrafo recolle o diálogo entre a forza das mans e o ritmo da marea para transcender a paisaxe e ofrecer, ao mesmo tempo, unha homenaxe silenciosa a quen fai do mar o seu camiño.
A exposición “Paisaxes de mar e oficio” pode visitarse trala súa inauguración do próximo venres no horario habitual da sede de Turismo Rías Baixas: de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, os sábados e festivos en horario partido de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.