A Deputación leva a Cerdedo Cotobade a exposición sobre o gaiteiro Ricardo Portela comisariada por Óscar Ibáñez

A mostra “Ricardo Portela, inmorrente”, dedicada a esta figura clave na música tradicional, inaugúrase este domingo na Casa do Pobo de Viascón e poderá visitarse ata o vindeiro 31 de maio

22/05/2026

A Deputación leva a Cerdedo Cotobade a exposición sobre o gaiteiro Ricardo Portela comisariada por Óscar Ibáñez

A Deputación de Pontevedra leva desde este domingo 24 de maio a exposición “Ricardo Portela, inmorrente”, á Casa do Pobo de Viascón, en Cerdedo Cotobade. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, xunto ao comisario, o gaitieiro Óscar Ibáñez, presentou hoxe a mostra que é unha homenaxe a este referente na música tradicional, imprescindible na conexión da tradición dos vellos gaiteiros coas novas xeracións. A exposición estará dispoñible ata o 31 de maio e pode visitarse o mércores e venres de 19:00 a 21:00 horas e o domingo de 11:00 a 14:00 horas.

Jorge Cubela sinalou que “Ricardo Portela é unha figura clave da nosa música tradicional e da gaita, á cal el mesmo cualificou como un instrumento inmorrente”, e explicou que o obxectivo e levar esta mostra, que xa estivo no Pazo provincial o pasado mes de novembro, “a todo o territorio, e non só ás grandes cidades”. Composta por oito paneis e varias vitrinas con material discográfico e persoal, así como instrumentos e vestiario de Portela, a exposición amosa a súa traxectoria vital ligada a Viascón, parroquia de Cerdedo Cotobade na que naceu o gaiteiro, Vigo e Pontevedra. Ademais, a mostra tamén abrangue o seu desenvolvemento artístico e os seus traballos discográficos, así como a relación que mantivo con asociacións e entidades. Con ela, a Deputación busca difundir a súa vida e obra, destacando os seus fitos fundamentais a modo de lembranza e exemplo para a xuventude da provincia.

Ricardo Portela é unha figura clave da gaita, á cal el mesmo cualificou como un instrumento inmorrente. Símbolo do gaiteiro tradicional, Portela foi un grande intérprete que creou escola con moitos dos recursos do seu persoal estilo, que permanecen vivos no xeito de tocar dalgúns dos gaiteiros máis recoñecidos na actualidade. Mestre de mestres, representa tamén a gran responsabilidade cultural de ser gaiteiro, máis aló da súa extraordinaria sensibilidade musical e o seu persoal estilo interpretativo.

Galerias de imagenes