A sede da Deputación en Vigo inaugura a exposición ‘Ricardo Portela, inmorrente’, unha mostra sobre a figura dun mestre da gaita galega

A sala Maruja Mallo reúne fotografías, instrumentos, obxectos persoais e material discográfico para achegar a figura dun músico ao que a cidade dedicou unha rúa en 1992

28/09/2026

A sede da Deputación en Vigo inaugura a exposición ‘Ricardo Portela, inmorrente’, unha mostra sobre a figura dun mestre da gaita galega

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle desde este luns e ata o 23 de outubro a exposición ‘Ricardo Portela, inmorrente’, unha mostra dedicada á vida e á obra dun dos grandes referentes da música tradicional galega. A inauguración contou coa participación da vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, do deputado de Cultura, Jorge Cubela, do comisario da exposición, o gaiteiro Óscar Ibáñez, e do músico Wenceslao Cabezas.

A mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra e a Asociación Cultural Pai da Cana, percorre a traxectoria vital e artística de Ricardo Portela a través de paneis, fotografías, instrumentos, vestiario, obxectos persoais e material discográfico. A exposición xa pasou polo Pazo provincial e pola Casa do Pobo de Viascón, onde naceu Portela, e chega agora a Vigo, unha cidade especialmente ligada á súa historia.

Durante a inauguración, Luisa Sánchez salientou precisamente ese vínculo: “Esta exposición tiña que pasar por Vigo”, unha cidade á que Ricardo Portela chegou en 1932, con só doce anos, e onde recibiu as ensinanzas de Xosé Oliveira Blanco, alcumado ‘Pepe o Moreno’, integrante dos Morenos de Lavadores. “Unha parte do que hoxe entendemos como o son de Ricardo Portela comezou tamén nesta cidade”, sinalou a vicepresidenta.

A representante provincial en Vigo lembrou ademais que a cidade apareceu en distintos momentos da vida do gaiteiro. Moitos dos músicos cos que tocou e gravou eran vigueses e Portela mantivo unha estreita relación con figuras como Antón Corral, co Obradoiro de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular, co Grupo Didáctico e coa Banda de Gaitas Xarabal, da que foi padriño. Entre os novos gaiteiros que aprenderon do Mestre de Viascón estiveron tamén Carlos Núñez, Anxo Pintos e Xosé Manuel Budiño.

A vicepresidenta fixo referencia ás fotografías da portada do primeiro disco dos Irmáns Portela, que foron realizadas no monte do Castro e no pazo Quiñones de León. “É a fotografía dun músico nacido en Viascón, pero que escolle Vigo para deixar retratada tamén unha parte da súa historia”, apuntou.

Pola súa banda, Jorge Cubela definiu a Portela como un “mestre de mestres” e animou a achegarse a unha exposición “que no só fala dun gaiteiro excepcional, senón tamén de todo un referente na cultura e identidade da nosa provincia”. “Falamos dun home que representa a gran responsabilidade cultural de ser gaiteiro, máis aló da súa extraordinaria sensibilidade musical e o seu persoal estilo interpretativo”, afirmou.

Unha relación con pegada

A relación entre Portela e Vigo quedou tamén reflectida no rueiro da cidade. En 1992, o Concello dedicoulle unha rúa, situada entre a praza do Porto Pesqueiro e a rúa Conde de Torrecedeira.

Por iso, Luisa Sánchez definiu a chegada da mostra a Vigo como “unha especie de volta á casa”. “Ricardo Portela volve a Vigo, a un lugar que foi crucial na súa formación, na súa música, nas súas amizades e tamén na transmisión do que sabía”, afirmou.

A exposición, comisariada por Óscar Ibáñez, permite así achegarse a Portela a través dos seus instrumentos, fotografías, gravacións e a súa relación con distintas xeracións de músicos. Portela (Viascón, 1920-1992) foi un dos grandes intérpretes da gaita tradicional e desenvolveu un estilo propio que deixou escola entre músicos posteriores. El mesmo definía a gaita como un instrumento “inmorrente”, expresión da que toma o seu nome a exposición.

“Hai músicos que deixan discos. Hai músicos que deixan alumnos. E hai músicos que deixan un xeito de entender o seu instrumento que segue vivo moitos anos despois”, concluíu Luisa Sánchez. “Ricardo Portela deixou todo iso. E por iso a gaita e mais el son inmorrentes”.

A mostra pode visitarse na sala Maruja Mallo da sede viguesa da Deputación de Pontevedra ata o 23 de outubro, de luns a venres de 09.00 a 20.30 horas.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.