Luisa Sánchez salienta o Certame de Relatos Vigo Histórico como ferramenta para “descubrir Vigo con outros ollos”
A vicepresidenta da Deputación felicita a Gerardo González Carrera como gañador da XIII edición do concurso literario, na que participaron preto de 200 autoras e autores
29/09/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reivindicou o valor do Certame de Relatos Vigo Histórico como ferramenta para que “a cultura nos axude a descubrir a nosa cidade con outros ollos”, durante o acto de fallo da décimo terceira edición do concurso literario que tivo lugar este martes na sede da institución provincial no casco vello vigués.
O primeiro premio foi para ‘Escuma de Wolframio’, de Gerardo González Carrera, unha historia de espionaxe, amor e traizón ambientada no Vigo da Segunda Guerra Mundial, coa ría e o tráfico de wolframio como pano de fondo. O segundo premio recaeu en ‘Las mujeres del mar’, de Evelyn Megias Carrasco, unha historia de memoria, loito e supervivencia ambientada no Vigo mariñeiro dos anos setenta.
O xurado concedeu tamén catro accésits a ‘Vigo, memoria cosida’, de Laura Pérez Martínez; ‘Antes de los periódicos’, de Nerea Gorjón Torres; ‘Subjuntivo seductor’, de Fátima González Iglesias, e ‘Luz, Olimpia’, de Marcos López Concepción. O primeiro premio está dotado con 1.000 euros; o segundo, con 500 euros, e cada un dos catro accésits, con 200 euros.
Luisa Sánchez quixo tamén recoñecer ás preto de 200 persoas que participaron nesta décimo terceira edición, procedentes de Vigo, Galicia, diferentes puntos do territorio nacional e tamén do estranxeiro.
O 13 de novembro terá lugar a gala de entrega dos premios e a presentación de Relatos na Rúa XIII, publicación que reunirá os textos premiados e unha selección dos textos presentados ao certame. O proxecto conta novamente coa colaboración da Fundación IgualArte.
Vigo desde a literatura
A vicepresidenta provincial salientou que este certame permite “mirar a cidade desde a literatura” e descubrir novas historias que nacen “das súas rúas, das súas prazas e da súa xente”. “Aquí Vigo se converte nun personaxe máis”, engadiu.
Finalmente, salientou o papel da cultura como unha vía para ampliar o imaxinario colectivo sobre Vigo e para facer que espazos cotiáns adquiran novos significados a través das historias.
