A Deputación avanza no posicionamento de Rías Baixas como destino de referencia para o turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos (MICE)
O organismo provincial organiza o Famtrip MICE Rías Baixas, unha viaxe de familiarización para conectar a oferta especializada da provincia con organizadores de eventos e compradores profesionais
28/09/2026
A Deputación de Pontevedra avanza no posicionamento de Rías Baixas como destino de referencia para o turismo de reunións, incentivos, congresos e eventos (MICE). O organismo provincial, a través do Rías Baixas Convention Bureau, organiza entre este mércores 30 de setembro e o venres 2 de outubro o Famtrip MICE Rías Baixas, unha viaxe de familiarización para conectar a oferta especializada da provincia con organizadores de eventos e compradores profesionais. No marco desta iniciativa terá lugar o primeiro Workshop Profesional MICE Rías Baixas, impulsado da man de OPC Galicia para reforzar o posicionamento da provincia neste ámbito a nivel nacional.
A viaxe de familiarización consistirá en visitas técnicas, encontros de negocio e experiencias no territorio para poñer en valor o potencial do destino Rías Baixas, fomentando a colaboración entre o sector público e privado para xerar novas oportunidades de negocio e comerciais, así como contribuír á proxección da provincia como un destino competitivo e diferencial para o turismo de reunións. Trátase da primeira viaxe de familiarización orientada ao sector MICE que organiza a Deputación e que nace coa vontade de repetirse anualmente para poder dar a coñecer todas as empresas, entidades e espazos que poden ofrecer servizos para acoller reunións, incentivos, congresos e eventos na provincia de Pontevedra.
En total participarán neste primeiro fam trip centrado no turismo MICE nove profesionais de Madrid, Málaga e Barcelona que comezarán o seu percorrido o mércores 30 de setembro en Vigo. Nesta xornada, o Pazo Los Escudos acollerá entre as 11:00 e as 14:00 horas o Workshop Profesional MICE Rías Baixas, no que os nove participantes no fam trip se reunirán con trece empresas especializadas da provincia. Ese mesmo día, ademais, daranse a coñecer diferentes espazos da cidade de Vigo para celebrar eventos e pecharase a xornada pola tarde en Baiona, onde serán recibidos polo deputado de Turismo, Jesús Vázquez Almuíña.
O xoves 1 de outubro darase a coñecer a diversidade da oferta turística de Rías Baixas. Deste xeito terá lugar unha recepción no Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, unha visita ao centro histórico de Pontevedra e ao Castelo de Soutomaior, poñendo en valor o patrimonio como recurso para eventos. Pola tarde, e suxeito ás condicións meteorolóxicas, incorporarase a vertente marítima do destino cun percorrido pola comarca do Salnés. Finalmente, o venres 2 de outubro pecharase a viaxe de familiarización dando a coñecer a oferta hoteleira e tamén o turismo de benestar, cun percorrido por espazos das comarcas do Condado e A Paradanta.
A Deputación de Pontevedra é a terceira institucional provincial de España, tras Valencia e Granada, en formar parte do Spain Convention Bureau. A través do Rías Baixas Convention Bureau, o organismo provincial está a traballar para impulsar a provincia como destino de convencións e grandes eventos, congresos ou reunións e avanzar na captación deste segmento turístico que atrae cada ano a 10,5 millóns de visitantes ata España e prevé superar neste 2026 os 11 millóns.