Luisa Sánchez remarca o “carácter especial” do festival de música Underfest, que “fai que Vigo soe diferente”
12/11/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, remarcou este mércores o “carácter especial” do festival Underfest, que “fai que Vigo soe diferente” grazas á confección dun cartel -composto, entre outros, por The Psychedelic Furs, Dewolff, Rinôcérôse, We Are Scientists ou Señor Chinarro- que “entusiasma aos melómanos e permite descubrir grupos e artistas alternativos”.
Durante a presentación deste evento, que encherá varias salas de concertos da cidade olívica os días 14 e 15 de novembro, a representante provincial salientou a recente inclusión do certame na marca Rías Baixas Fest. Ademais, destacou a boa acollida que ten o festival todos os anos, esgotando os abonos dispoñibles e conxugando cantidade e calidade, xa que se prevén 22 actuacións en só dous días. “Queda demostrado que Vigo demanda unha cultura diversa e non soamente música de masas”, apuntou.
