Rafa Domínguez anuncia que a Deputación reserva 845.000€ para sufragar a metade do custo das obras de renovación integral do céspede do estadio de Pasarón

O vicepresidente destaca o compromiso da institución provincial co campo municipal, no que leva investidos máis de 1M€ neste mandato, e reclama “celeridade” ao Concello de Pontevedra para que as obras se executen no verán de 2027

08/10/2026

Rafa Domínguez anuncia que a Deputación reserva 845.000€ para sufragar a metade do custo das obras de renovación integral do céspede do estadio de Pasarón

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, anunciou o compromiso de levar ao pleno deste mes de outubro unha modificación de crédito por valor de 844.500 euros que servirán para financiar o 50% do custo previsto para as obras de renovación integral do céspede do estadio de Pasarón e unha solución definitiva aos problemas de drenaxe que arrastra desde hai anos esta infraestrutura de titularidade municipal.

A esta cantidade hai que sumar os 173.030 euros habilitados xa no mes de xullo deste ano para actuacións provisionais de mellora do céspede. En total, a Deputación de Pontevedra pon este ano máis dun millón de euros á disposición do Concello para solucionar as deficiencias do terreo de xogo.

Domínguez lembrou que a Deputación xa puxo a disposición do Concello 173.030 euros o pasado verán para executar unha actuación provisional, que xa foi executada polo propio Pontevedra CF, encargado do mantemento do día a día do estadio. Neste sentido, o vicepresidente considera que é necesario avanzar xa na solución definitiva e evitar que os prazos continúen alongándose.

Neste sentido, explicou que a decisión de tramitar agora a nova modificación de crédito, en lugar de agardar aos orzamentos de 2027, responde á vontade da institución provincial de acelerar os prazos e poñer canto antes os fondos á disposición da administración local. “Canto antes teña o Concello o diñeiro, antes poderemos ter un céspede novo en Pasarón”, sinalou.

A partir da dispoñibilidade dos fondos, corresponderá ao Concello, como titular do estadio, impulsar o proxecto, a licitación, a adxudicación e a execución das obras. Por este motivo, Domínguez reclamou “celeridade” para que os trámites se poidan realizar a tempo e as obras poidan comezar no verán de 2027.

A Deputación asumirá o 50 por cento do custo da solución definitiva, seguindo o mesmo modelo de colaboración aplicado no estadio de Balaídos, e comprométese ademais a elevar a súa achega se finalmente o proxecto incrementa o seu orzamento, co obxectivo de garantir esa porcentaxe.

“Non vai ser pola Deputación que o céspede de Pasarón non estea en condicións”, afirmou o vicepresidente, quen subliñou que “a Deputación cumpre con Pontevedra” e destacou o compromiso da institución provincial co estadio e coa cidade. “A Deputación aposta por Pasarón e aposta por Pontevedra, investindo un millón de euros cada mes na cidade”, concluíu.

Galerias de imagenes

audios