A Deputación homenaxea no Museo de Pontevedra a Castelao e Virxinia Pereira cunha conversa con Pepe Coira e Noni Araújo e un concerto da violinista Sara Areal

Será o xoves 8 de maio, Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio, dentro do programa Contrapuntos, comisariado por Beatriz Fontán e Samuel Diz

03/05/2025

Castelao e Virxinia Pereira

A Deputación celebra no Museo de Pontevedra o próximo xoves 8 de maio a terceira edición de Contrapuntos, programa de música e memoria do exilio de 1939. Nesta ocasión estará dedicada ao matrimonio Castelao e Virxinia Pereira. Incluirá unha conversa con Noni Araújo e Pepe Coira, moderada por Beatriz Fontán, e un concerto da violinista Sara Areal, acompañada polo guitarrista Samuel Diz. Será ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade.

Esta é a terceira edición deste programa comisariado por Beatriz Fontán e Samuel Diz, que nas ocasións anteriores homenaxeou ao compositor Salvador Bacarisse e á escritora María Teresa León. A edición deste ano realizarase na mesma xornada fixada como Día de Homenaxe ás Vítimas do Exilio. A elección de Castelao e Virxinia Pereira sitúase no marco do 75 aniversario do pasamento en Bos Aires do intelectual galeguista. Desde o seu matrimonio en 1912, Castelao e Virxinia Pereira compartiron confidencias, loitas e esperanzas. Viviron os avances sociais da Segunda República, sufriron a represión do franquismo e viviron un exilio no que traballaron conxuntamente na construción dunha Galicia asentada en valores e identidade cultural.

A conversa entre o guionista e produtor Pepe Coira e a profesora Noni Araújo abordará a memoria como fonte de creación artística en paralelo á importancia das testemuñas orais na reconstrución histórica. Noni Araujo é unha lembranza viva do compromiso e perseveranza de Virxinia Pereira na preservación do legado de Castelao no Museo de Pontevedra, mentres que Pepe Coira ven de achegarse á memoria do matrimonio na creación do guión da película Antes de nós (Ángeles Huerta, 2025), de próxima estrea. A conversa estará moderada por Beatriz Fontán, xestora cultural en proxectos do exilio de 1939.

A continuación, a violinista Sara Areal, integrante da Orquestra Sinfónica de Galicia, fará unha homenaxe musical ao matrimonio cun programa que percorre as constelacións vitais e cardinais de Castelao e Pereira, xunto ao guitarrista Samuel Diz, intérprete e investigador do legado musical do exilio republicano de 1939. O virtuosismo de Emigrantes celtas de Manuel Quiroga abre unha travesía musical transatlántica que nos achega a Arxentina de Astor Piazzolla ou a recuperación de páxinas inéditas da compositora Diana Pey escritas durante o seu exilio no cono sur.

O programa Contrapuntos do Museo de Pontevedra ilumina as sombras das xenealoxías contemporáneas e presenta olladas complementarias e interdisciplinarias, historias privadas e universais, reconstruídas desde a intimidade e a investigación para contribuír á divulgación dunha parte esencial da nosa identidade.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.