A Deputación lanza o III Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes que contará coa participación de Marcos Giralt e Alice Kellen

O Salón de Plenos do Pazo provincial acollerá o día 1 de outubro ás 19:30 horas o encontro con Marcos Giralt e o día 2, á mesma hora, con Alice Kellen

05/09/2026

A Deputación lanza o III Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes que contará coa participación de Marcos Giralt e Alice Kellen

Tralo éxito das dúas anteriores edicións, a Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Xuventude, lanza o III Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes que, co lema “Voces que chegan”, contará coa participación de Marcos Giralt e Alice Kellen. O Salón de Plenos do Pazo provincial acollerá o día 1 de outubro ás 19:30 horas o encontro con Marcos Giralt e o día 2, á mesma hora, con Alice Kellen. As persoas interesadas en asistir deberán cubrir un formulario que estará habilitado na web da Deputación a partir do martes 8 de setembro.

Co III Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes a Deputación de Pontevedra avanza no seu obxectivo de achegar a creación literaria á xuventude da provincia da man autores que presentan formas diferentes de entender a escritura e conectar cos lectores. Deste xeito, nas dúas sesións conversarase arredor da literatura, a memoria, a identidade e o proceso creativo, coñecendo de preto a mirada das persoas escritoras e reflexionando sobre a necesidade de escribir e contar historias.

“Escribir para entender” será o eixo sobre o que xirará o encontro con Marcos Giralt Torrente que terá lugar o 1 de outubro ás 19:30 horas. Trátase dunha oportunidade para coñecer de preto a mirada do escritor e reflexionar sobre o proceso creativo. Giralt é un dos narradores máis valorados da literatura española actual, autor das novelas París (Premio Herralde de Novela), Los seres felices, Tiempo de vida (Premio Nacional de Narrativa e Premio Strega Europeo) e Los ilusionistas (Premio da Crítica, Premio Francisco Umbral ao Libro do Ano e finalista do Premio AENA). Ademais, é o autor do volume de ensaios e crónicas Algún día seré recuerdo e dos libros de relatos Entiéndame, El final del amor (Premio Ribera del Duero de Narrativa Breve) e Mudar de piel.

Alice Kellen (Silvia Hervás), en “Historias que nos conectan”, afondará o 2 de outubro no proceso de creación de historias capaces de atravesar as páxinas e conectar co público novo. Publicou dezaseis novelas, algunhas delas levadas ás pantallas, entre as que destacan Nosotros en la luna, El mapa de los anhelos, La teoría de los archipiélagos, Donde todo brilla, Quedará el amor e Sigue lloviendo, que fascinaron a máis de tres millóns de persoas. A súa última novela é El Club del Olvido.

O Encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, naceu para dar resposta ao crecente interese da mocidade pola creación literaria e artística, manifestado no incremento de solicitudes de participación, ano tras ano, na categoría de traballo literario nos Premios Provinciais á Xuventude. Na súa primeira edición contou con figuras da talla de Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro e Arantza Portabales e na segunda con Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. Como preámbulo de actual edición, en febreiro deste ano, organizouse un encontro con Paloma Sánchez-Garnica.

Galerias de imagenes