A Deputación avanza que este venres aprobará recursos por valor de máis de 65.000 euros para a mellora do complexo deportivo do Xistro, en Bueu
A deputada provincial María Ramallo visitou estas instalacións, onde se vai investir máis o 40% dos recursos que o concello morracense ten consignado no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas
25/06/2026
A deputada provincial María Ramallo anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará este venres na Xunta de Goberno un total de 66.123 euros para que o Concello de Bueu poida acondicionar pistas e mellorar a eficiencia no complexo deportivo do Xistro. Trátase de algo máis do 40% dos recursos que o concello ten a súa disposición no marco do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.
A principios deste mes a Deputación provincial aprobou outras dúas achegas para Bueu ao abeiro deste plan extraordinario: 19.903 euros para a iluminación exterior da piscina municipal e 53.616 euros para a mellora da eficiencia enerxética do alumeado do campo de fútbol das Laxes. No caso do Xistro, os máis de 65.000 euros servirán para a reparación completa do pavimento do complexo deportivo, que non cumpre coas condicións esixibles. Ademais, mellorarase a eficiencia enerxética coa substitución das actuais luminarias alóxenas por proxectores led, e montarase un novo peche que substituirá ao que hai na actualidade.
Para María Ramallo “esta actuación está aliñada coas prioridades do goberno provincial: o municipalismo e o deporte”. Neste eido, explicou que “queremos que Pontevedra sexa a provincia do deporte e, entre outras moitas cuestións, para conseguilo estamos a destinar recursos para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas. Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros nestes case tres anos de goberno”.
