A Deputación avanza que este mércores aprobará 85.000 euros para a reforma dos vestiarios do complexo deportivo de Fornelos de Montes

O deputado provincial Pablo Castillo visitou as instalacións, onde se van investir recursos provinciais do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para atender a demanda do goberno local

31/03/2026

A Deputación avanza que este mércores aprobará 85.000 euros para a reforma dos vestiarios do complexo deportivo de Fornelos de Montes

O deputado provincial Pablo Castillo visitou o complexo deportivo de Fornelos de Montes, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra aprobará na Xunta de Goberno deste mércores unha inxección económica de 85.293 euros para a reforma dos seus vestiarios e a mellora do equipamento. Trátase da totalidade dos recursos que lle corresponden a Fornelos de Montes ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, dotado de 8 millóns de euros con destino a que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos municipais de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións e espazos xa existentes.

Pablo Castillo deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos nos vestiarios, que se atopan nunha edificación acaroada ao edificio da pista deportiva. En concreto, entre as actuacións previas inclúense o desmonte de elementos en mal estado, como colgadoiros na zona de ducha dos vestiarios do pavillón, falso teito de madeira nos vestiarios do pavillón, pavimento de PVC dos vestiarios das piscinas, pavimento de gres en zona de duchas dos vestiarios do pavillón, instalación de fontanería dos vestiarios do pavillón e sumidoiros de PVC dos vestiarios das piscinas e zona de duchas dos vestiarios do pavillón. A continuación, poranse novas instalacións interiores de fontanería, evacuación e grafaría, instalarase un novo revestimento interior con pezas de azulexo, pavimento de pezas de gres porcelánico esmaltado e falso teito e tamén se dotará de equipamento como bancos multifunción con zapateiro, colgadoiro e bolseiro, sela para o socorrista ou duchas antivandálicas.

“O municipalismo e o deporte son dúas das nosas prioridades, e esta actuación é unha boa mostra diso”, asegurou Pablo Castillo, que lembrou que “cando nos referimos á provincia do deporte referímonos tamén ao impulso que estamos a dar desde a Deputación para modernizar instalacións deportivas nos concellos a través dos Plans Extraordinarios de Infraestruturas Deportivas Imos xa pola súa terceira edición, que conta con 8 millóns de euros de orzamento que, sumados ás dúas anteriores, supón un investimento de 20 millóns de euros en tres anos”.