A Deputación ilumina de morado o Pazo Provincial e a sede de Vigo entre o 24 e o 26 de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
As sedes institucionais locen un panel e lona co lema elixido polo organismo provincial para o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller: Velo non chega. Actúa. Bloquea a violencia. Reporta o machismo
21/11/2026
A Deputación de Pontevedra ilumina de morado o Pazo Provincial e a sede de Vigo entre o 24 e o 26 de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. O obxectivo desta iniciativa é actuar, visibilizar e concienciar á poboación sobre as violencias que sofren as mulleres e reivindicar a necesidade de construír unha sociedade na que homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades.
Ademais da iluminación morada, ambas sedes institucionais locen un panel e unha lona co lema elixido polo organismo provincial para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller: Velo non chega. Actúa. Da sensibilización á acción. Un paso adiante contra a violencia machista. Bloquea a violencia. Reporta o machismo. O obxectivo da Deputación coa campaña deste 2026 é poñer o foco en que a violencia contra as mulleres tamén se esconde detrás das pantallas: o ciberacoso, a difusión de imaxes sen consentimento, as ameazas e o control dixital son violencia real con consecuencias para as nenas e as mulleres.
Con esta campaña a institución provincial apela á importancia de non compartir e cortar as cadeas de odio ou contido íntimo, a non calar e posicionarse ante redes sociais ou grupos de mensaxería nos que se visibiliza a existencia de acoso e a informar e denunciar empregando as ferramentas das diferentes plataformas para apoiar ás vítimas. Neste eido, a Deputación incide en facer de Internet un espazo seguro, libre e de respecto para todas as persoas.