A Deputación lanza a campaña Velo non chega. Actúa. #Bloquea a violencia. Reporta o machismo con motivo do 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

Luis López: “Queremos poñer o foco na violencia que tamén se esconde detrás das pantallas, porque o ciberacoso, a difusión de imaxes sen consentimento, as ameazas e o control dixital son violencia real con consecuencias reais para as nenas e as mulleres”

13/11/2026

A Deputación lanza a campaña Velo non chega. Actúa. #Bloquea a violencia. Reporta o machismo con motivo do 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller

A Deputación de Pontevedra acaba de presentar a campaña Velo non chega. Actúa. #Bloquea a violencia. Reporta o machismo con motivo do 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller. “Queremos poñer o foco na violencia que tamén se esconde detrás das pantallas, porque o ciberacoso, a difusión de imaxes sen consentimento, as ameazas e o control dixital son violencia real con consecuencias reais para as nenas e as mulleres”, asegurou o presidente provincial, Luis López.

Como explicou o presidente provincial, “reivindicamos, desta maneira, que Internet sexa un espazo seguro, libre e de respecto para todas”, e lembrou que estas reivindicacións “non poden quedar nun día. O 25-N teñen que ser os 365 días do ano”. Deste xeito, o organismo provincial deseñou unha ampla programación que comezou hoxe coa instalación dun panel no Pazo provincial e dunha lona na fachada da sede da Deputación en Vigo.

Ademais, desde principios de mes estanse celebrando actuacións en centros escolares da provincia no marco do concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade”; presentarase un mural realizado pola artista Alba Troiteiro no Centro Penitenciario da Lama; a sede de Vigo acollerá a entrega dos premios GirlGeekPower no marco da Cátedra Feminista 4.0, e o 26 de novembro a sede Redeiras da UVIgo acollerá a presentación do Informe Stop Machitroles.

Tamén se iluminarán de morado as sedes institucionais de Pontevedra e Vigo entre o 24 e o 26 de novembro e o propio 25-N, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller, terá lugar un acto institucional no que a atleta paralímpica Desirée Vila será a encargada de ler o manifesto deste ano. “É un luxo para nós que nos ceda a súa voz e o seu rostro, tan popular, para representar a nosa condena firme e sen matices contra a violencia machista”, confirmou López.

Galerias de imaxes

audios