A Deputación activa as engrenaxes de Lecer en Familia para o 2026, cunha oferta de preto de 3.000 prazas
“Trátase do primeiro programa impulsado pola Deputación que está centrado nas familias da provincia e que está a ser un éxito rotundo”, subliñou o presidente Luis López
31/07/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes de Lecer en Familia para o 2026. "Trátase –tal e como subliñou o presidente Luis López- do primeiro programa impulsado pola Deputación que está centrado nas familias da provincia e que está a ser un éxito rotundo". Para o próximo ano, contará cun orzamento total de máis de 300.000 euros e ofertará preto de 3.000 prazas.
"O noso obxectivo é que as familias da provincia desfruten deste programa, destas estancias de fin de semana para reforzar os lazos familiares nun ambiente de convivencia", asegurou o presidente. Neste eido, detallou que se ofertarán 3.000 prazas para familias con menores ao seu cargo. 50 das prazas serán en réxime especial cunha subvención do 100%, e as restantes en réxime xeral, cunha subvención de 60 € para os maiores de 12 anos, de 30 € para os cativos de 3 a 12 anos, e do 100% para os menores de 3 anos.
Lecer en Familia desenvolverase en temporada baixa, con estancias dunha noite en fins de semana, períodos non lectivos ou vésperas de festivo. Os aloxamentos serán en establecementos hoteleiros, desde spas, balnearios e talasos a todo tipo de hoteis de zonas urbanas e rurais. A Deputación de Pontevedra, unha vez contratada a empresa encargada da xestión do programa, publicará as bases de Lecer en Familia e, posteriormente, abrirase o prazo para que as familias poidan inscribirse no programa.
