A Deputación mobiliza este ano a preto de 5.200 persoas a través dos programas Lecer en Familia e +Benestar, dotados con 400.000 €
“Estes dous programas sociais funcionan tamén como dinamizadores económicos da provincia, xa que contribúen a manter a actividade do sector turístico en períodos de menor demanda”, subliñou o presidente provincial Luis López
21/11/2025
A Deputación de Pontevedra mobiliza este ano a preto de 5.200 persoas a través das iniciativas Lecer en Familia e +Benestar, dotadas con 400.000 €. O presidente do organismo provincial, Luis López, subliñou que “agardamos que estas 5.200 persoas desfruten destes dous programas sociais que funcionan tamén como dinamizadores económicos da provincia, xa que contribúen a manter a actividade do sector turístico en períodos de menor demanda”.
No caso de Lecer en Familia, o programa de estancias de fin de semana para familias da provincia con menores ao seu cargo, benefícianse 3.000 persoas de 50 concellos. “Trátase dun programa moi exitoso, que puxemos por vez primeira en marcha neste goberno provincial, e para o que nesta edición –ademais das 3.000 persoas beneficiarias- aprobamos unha lista de agarda da que forman parte 4.371 persoas”, remarcou o presidente.
Pola súa banda o programa de termalismo social para persoas de máis de 55 anos, +Benestar, beneficiará a preto de 2.200 persoas de 60 concellos da provincia. Segundo informou López, neste caso tamén se aprobou unha lista de agarda da que forman parte outras 1.442 persoas.