Luis López anuncia o investimento de 1M€ para a mellora do viario municipal en 48 parroquias da Estrada, mostra da aposta da Deputación pola seguridade viaria na provincia
O mandatario provincial, acompañado polo alcalde Gonzalo Louzao, adianta na parroquia de Santeles a aprobación na Xunta de Goberno deste venres de dous proxectos para mantemento e pavimentación de camiños municipais
05/05/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia o investimento de preto dun millón de euros ao abeiro do Plan +Provincia para a mellora da seguridade viaria na rede de camiños municipais da Estrada que permitirán mellorar a pavimentación e os servizos do viario de 48 parroquias deste Concello. Nunha visita á parroquia de Santeles e acompañado polo alcalde Gonzalo Louzao, o mandatario provincial reafirmou o compromiso da Deputación coa mellora e mantemento da rede viaria da provincia, tanto as de titularidade provincial coma as municipais. “Aprobaremos dous proxectos que suman case un millón de euros para arranxar vías municipais por todo o Concello que deixará unha rede viaria en perfectas condicións para moitos anos”, afirmou o presidente, quen aplaude o esforzo do Concello por “pensar a longo prazo” á hora de planificar os investimentos.
Na Xunta de Goberno do executivo provincial deste venres aprobaranse dous proxectos destinados á mellora da rede viaria municipal da Estrada. Un valorado en case 200.000€ para labores de mantemento e outro por valor de 770.000€ para a pavimentación dos mesmos. Dous proxectos que servirán para intervir en camiños municipais 48 das 51 parroquias das que consta o termo municipal da Estrada e que supón un novo paso adiante no compromiso da Deputación de modernizar as estradas, colaborar cos concellos e levar os mellores servizos posibles á veciñanza sen importar onde viva. “É un compromiso compartido co alcalde Gonzalo Louzao”, valorou Luis López, quen puxo en valor o esforzo conxunto dos gobernos provinciais e municipais para manter en perfecto estado unha rede de vías municipais asfaltadas que supera os 2.000 quilómetros.
A aprobación deste investimento da Deputación no Concello da Estrada é unha mostra máis do apoio que o goberno de Luis López está a prestar a todos os concellos da provincia. De feito, o Concello da Estrada recibirá este ano 2,8 millóns de euros do organismo provincial a través dos distintos plans de Cooperación que están en marcha, dos que 800.000€ corresponden ao Plan Extra para a humanización da Praza de Galicia. “Na Deputación imos seguir apoiando aos concellos”, remarcou o presidente, quen reclamou ao resto de administracións a mesma sensibilidade no mantemento das estradas facendo referencia ao mal estado de conservación que presenta a N-640, de titularidade do Goberno central, ao seu paso polo termo municipal da Estrada.
