Luis López asina co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, unha achega de 1,3M€ para financiar ao 100% a humanización de catro rúas do centro urbano

O presidente provincial, acompañado polo rexedor e o deputado provincial Javier Tourís, destaca a combinación de fondos do Plan Extra e o +Provincia para executar unha obra que “revolucionará” as rúas Valle Inclán, Agustín Jambrina, San Mauro e Laxe

22/09/2026

Luis López asina co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, unha achega de 1,3M€ para financiar ao 100% a humanización de catro rúas do centro urbano

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, o convenio para a recuperación dos espazos públicos nas rúas Valle Inclán, Agustín Jambrina, San Mauro e Laxe, no centro urbano da vila. Un acordo enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, un programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. Nunha visita á igrexa de San Mauro, no centro neurálxico do casco urbano de Vilanova de Arousa e na contorna onde se executará este proxecto transformador, López e Durán selaron un acordo a través do cal o organismo provincial financiará o 100% dun proxecto valorado en preto de 1,3M€ a través da combinación dos recursos do Plan Extra (900.000€) e do +Provincia (370.500€) ao abeiro do Plan Extra.

“Asinamos unha achega de 1,3M€ para financiar o 100% da humanización do centro de Vilanova que vai marcar un antes e un despois”, declarou o presidente provincial nun acto no que tamén estivo presente o deputado provincial e concelleiro en Vilanova de Arousa, Javier Tourís. Neste sentido, López puxo en valor a capacidade do goberno local para formular proxectos estratéxicos, como a piscina do talaso de Terrón, xa en marcha ao abeiro da primeira convocatoria do Plan Extra, ou a humanización desta segunda entrega. “Son iniciativas dignas de admiración e só se lle poden ocorrer a alguén ambicioso como o alcalde Gonzalo Durán, capaz de facer pasar proxectos do papel á realidade”, valorou o dirixente. Pola súa banda o rexedor expresou o “agradecemento polos Plan Extra da Deputación, que nos permitiron comezar a piscina do Terrón e este outro permitirá adecuar as rúas do casco urbano, comezando polas que estaban peor”.

A través desta actuación, rexeneraranse varios espazos urbanos nas rúas do centro urbano do concello. As obras contempladas no proxecto intégranse nas rúas Valle Inclán, Agustín Jambrina, San Mauro e Laxe. En todas elas, procederase á reposición de firme, beirarrúas e mellora da accesibilidade coa retirada de adoquíns e a creación dunha plataforma única compartida de prioridade peonil. Así mesmo, no subsolo acutarase para renovar as redes de pluviais, saneamento e abastecemento. “A verdadeira revolución vén por debaixo do solo”, recalcou o dirixente sobre a importancia de renovar os servizos subterráneos que estaban en mal estado pola súa antigüidade.

Neste sentido, Luis López amosou a súa satisfacción por coñecer a pé de rúa a transcendencia dos proxectos impulsados con fondos provinciais que transforman o espazo público dos concellos. “Nótase que o alcalde Gonzalo Durán e o deputado Javier Tourís me coñecen ben, porque eu son máis de percorrer a provincia que de quedar no despacho. Digo percorrer en sentido literal, porque o domingo aínda estabamos aquí percorrendo o litoral de Vilanova no marco da primeira proba dun circuíto que estamos a realizar por toda a provincia, o Entre Pontes Trail & Running. Hoxe seguimos percorrendo a provincia, cambia a vestimenta e a localización, pero sempre co mesmo sentido: colaborar cos concellos para transformar espazos públicos”, afirmou o presidente, antes de reafirmar o compromiso da Deputación na cooperación cos concellos como o de Vilanova de Arousa onde o organismo leva mobilizados neste mandato un total de 5,2M€ a través dos distintos plans de cooperación.

Galerias de imagenes