Luis López fai balance do impulso da Deputación á modernización dos campos de fútbol da provincia cun investimentos de 28M€ en preto de 300 instalacións
O mandatario provincial, acompañado polo deputado e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visita o campo de fútbol das Estremas, onde o goberno provincial mobilizou máis de 180.000€ a través das distintas convocatorias dos plans +Provincia e PEID
24/02/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fai balance do impulso que o goberno provincial está a dar aos campos de fútbol na provincia cun investimento de 28 millóns de euros para modernizar case 300 campos de fútbol repartidos polos 61 concellos da provincia. Nunha visita ao campo de fútbol das Estremas, en Cerdedo-Cotobade, acompañado polo deputado e alcalde deste municipio, Jorge Cubela, o dirixente provincial puxo o foco nos plans de Cooperación que puxo en marcha o seu executivo neste mandato —o plan +Provincia, o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ou o Plan Extra— que xunto cos programas de mantemento das instalacións e a participación da Deputación en proxectos estratéxicos como Balaídos están a supoñer un potente revulsivo para todo o tecido deportivo da provincia.
“Esta provincia do deporte susténtase sobre catro piares: o apoio aos deportistas, a colaboración cos clubs, a organización de eventos deportivos e a mellora nas instalacións deportivas da provincia. Estamos aquí para facer balance da pegada da Deputación nas instalacións deportivas que máis uso teñen en toda a provincia, que son os campos de fútbol. En case tres anos, desde a Deputación investimos 28M€ para actuar en preto de 300 campos de fútbol dos 61 concellos da provincia”, subliñou o presidente nun acto no que tamén participou a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda.
A través do servizo de Medio Ambiente, a Deputación realiza cada ano traballos de mantemento de campos de fútbol da provincia para conservalos nas mellores condicións e posibilitar unha mellor práctica deportiva. En concreto, o pasado ano, cun orzamento aproximado de 340.000 euros, actuouse en 112 campos de 42 concellos, dos que 84 se corresponden con instalacións de herba sintética e os 28 restantes de herba natural. Para levar a cabo estas actuacións, a Deputación achega maquinaria e persoal especializado co obxectivo de conservar as cubertas nas mellores condicións para a práctica deportiva e, ao mesmo tempo, aumentar a súa vida útil.
En total, nos últimos tres anos a Deputación destinou arredor de 880.000 euros para 293 campos de 52 concellos da provincia, pasando dos 88 de 2023 a 93 en 2024 e, por último, 112 en 2025. Esta evolución evidencia non só o incremento do esforzo investidor, senón tamén o compromiso da institución coa adaptación das infraestruturas deportivas ás necesidades actuais, especialmente no que respecta á renovación e mantemento dos céspedes artificiais, que permiten maior uso e mellor rendemento das instalacións ao longo do ano.
Investimentos en campos de fútbol dos 61 concellos da provincia
No presente mandato, a esta intervención directa nos campos de fútbol súmanse os recursos mobilizados a través de plans específicos para toda a provincia, como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), que se atopa actualmente na súa terceira edición, ao abeiro da cal 23 concellos solicitaron un total de 3,13 millóns de euros para 31 proxectos en campos de fútbol. Ademais, na primeira edición deste plan repartíronse 1,6 millóns de euros para realizar investimentos de diferentes tipos en 25 campos de fútbol de 23 concellos. Na segunda edición, pola súa parte, o plan mobilizou preto de 2 millóns de euros para 22 actuacións en campos de fútbol de 22 concellos, reforzando así o apoio provincial ás infraestruturas deportivas municipais. Un investimento total por parte da Deputación nos campos de fútbol de concellos de menos de 50.000 habitantes que acada os 6,59M€ a través deste programa específico de mellora das instalacións deportivas municipais.
Ademais, no marco do +Provincia o goberno provincial investiu case 2M€ para actuar en 17 campos de fútbol noutros tantos concellos. Así mesmo, hai que engadir a estas actuacións investimentos singulares a través doutros programas provinciais, como a primeira edición do Plan Extra, que permitiu financiar proxectos en campos de Crecente e Ribadumia cunha subvención total de 1,2 millóns, ou o PON2030, que destinou 1,26 millóns de euros para A Cañiza e Crecente.
Investimento histórico nos campos de fútbol de Vigo e Pontevedra
A colaboración institucional tamén se traduce en convenios específicos coas dúas grandes cidades da provincia. En Pontevedra, a Deputación asinou un convenio co Concello para o campo de fútbol de Salcedo por preto de 2 millóns de euros. Ademais, financiará integramente, con 143.000 euros, a renovación do céspede artificial nos dous campos de fútbol 8 do Centro Municipal de Fútbol Manolo Barreiro, na Xunqueira, substituíndo o actual por un de última xeración. Así mesmo, no campo de fútbol de Príncipe Felipe o goberno de Luis López investiu neste mandato 170.000 euros para renovar o alumeado, repoñer a cuberta dos vestiarios e reparar un muro para garantir a seguridade desta instalación de titularidade provincial.
Por outra banda, en Vigo esta cooperación permitiu avances significativos. Para a reparación do muro de contención perimetral e o noiro no campo municipal de Sárdoma-Moledo, a Deputación achega 650.000 euros, completando o investimento municipal. A isto hai que engadir a participación provincial na grada de Gol do estadio municipal, cun compromiso da Deputación que ascende aos 13,3 millóns de euros.
“Falamos de actuacións nas dúas cidades, pero tamén nos restantes 59 concellos de menos de 50.000 habitantes. Un investimento de 28M€ que, se lle sumamos as achegas dos concellos con fondos propios, suman unha contía aínda máis importante. Ademais, esta é unha maneira de mellorar a calidade de vida da veciñanza a través do deporte e tamén unha maneira de afrontar o reto demográfico, unha área específica creada por este goberno e que tan ben dirixe o alcalde Jorge Cubela; e é tamén un xeito de poñer en valor o territorio, dinamizar a vida social e xerar economía”, argumentou o mandatario provincial os beneficios indirectos desta aposta estratéxica polas instalacións deportivas.
“Unha suma de 28M€, que serían moito máis se contamos a achega dos concellos, para ofrecer unhas instalacións futbolísticas modernas, eficientes e actualizadas e prestar o mellor servizo posible a tantos clubs, deportistas de todas as idades e familias que usan estes campos a diario. Ademais, supón unha nova mostra clara do compromiso da Deputación cos concellos e a máis clara demostración da aposta estratéxica do goberno provincial para consolidarnos como a provincia do deporte”, remarcou Luis López.
Un millón de euros para modernizar as instalacións deportivas en Cerdedo-Cotobade
“Esta instalación que representa á perfeccion as moitas que temos na provincia e que fai que sexamos a provincia do deporte”, resumiu o presidente a intervención realizada no campo de fútbol das Estremas. Neste caso, o investimento da Deputación ascende a 180.000 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e do +Provincia para mellorar a eficiencia enerxética, a iluminación e os equipamentos dunha instalación que empregan cada semana máis de 400 persoas. Ademais, a colaboración da Deputación coas infraestruturas deportivas municipais acada o millón de euros no que vai de mandato ao incluír melloras nos pavillóns de Carballedo, Cerdedo e Tenorio, así como en piscinas e áreas recreativas fluviais.
“Os froitos da colaboración de dúas institucións como a Deputación e o Concello témolos por todas partes: nas estradas, co exemplo máis recente do investimento de 720.000€ que aprobamos hai menos dunha semana para a mellora da seguridade viaria na estrada de Carballedo e Rebordelo; no patrimonio, co impulso que o Concello lle está a dar a recuperación do Castro da Cividá, que apoiamos con 20.000€; ou nas instalacións deportivas municipais, cunha pegada de 1M€ por parte da Deputación en menos de tres anos de mandato”, enumerou o presidente Luis López.
Un compromiso da Deputación cos concellos en cuxa importante quixo incidir o alcalde Jorge Cubela. “Grazas a Luis López e á Deputación concellos como Cerdedo-Cotobade temos unha cantidade fixa de financiamento. Senón fora polo actual goberno, non teriamos estes fondos. O presidente está a demostrar que a Deputación está para o que foron creadas: a vertebración do rural e o apoio a concellos máis pequenos”, salientou o rexedor e deputado provincial, quen fixo fincapé na pegada do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas. “Un plan pioneiro grazas ao que os concellos podemos apostar polo deporte sen restar recursos ao +Provincia”, subliñou.
Diante de representantes do tecido deportivo de Cerdedo-Cotobade, de membros da corporación e persoal das empresas que executaron a mellora do campo de fútbol das Estremas; concluíu o presidente provincial poñendo en valor o traballo de Jorbe Cubela á fronte do Concello e na administración provincial e reafirmando o compromiso da Deputación co deporte e cos concellos para convidar a continuación aos gobernos locais “botar man dos recursos que lles poñemos á disposición” e á veciñanza “a que faga uso destes instalacións, son referencia da calidade, seguridade e modernidade da provincia do deporte”.
