Luis López inaugura un anfiteatro en Areeiro para achegar ao público a realidade do sector primario e o labor de innovación que realiza a Estación para potenciar o seu futuro

O presidente da Deputación, xunto co deputado Javier Tourís, sinala que o Té Areeiro é a mellor demostración de que as saídas do rural pasan pola innovación, a sustentabilidade e a aposta pola produción local

21/05/2026

Luis López inaugura un anfiteatro en Areeiro para achegar ao público a realidade do sector primario e o labor de innovación que realiza a Estación para potenciar o seu futuro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a marca Té Areeiro, producida na Estación Fitopatolóxica do Areeiro a través das plantacións propias de camelia, unha aposta provincial que pode ser un revulsivo para a actividade económica, o fomento do emprego e o reto demográfico no rural da provincia. Fíxoo no acto de conmemoración do Día Internacional do Té celebrado este xoves nas instalacións de Lourizán, onde a Deputación aproveitou esta significativa xornada para inaugurar o novo anfiteatro da Finca Areeiro, no que participaron, ademais do dirixente provincial e o deputado Javier Tourís, os investigadores desta estación dependente da Deputación, estudantes do centro Juan XXIII e representantes da Xunta de Galicia.

A conmemoración desta xornada incluíu unha degustación da bebida da marca Té Areeiro nas novas instalacións da finca de Lourizán, desde a que a Deputación achegará ao público a realidade do sector primario e o labor de innovación e investigación que se realiza na Estación co obxectivo de potenciar o futuro do rural. “Estreamos un novo espazo acolledor e funcional desde o que divulgar a riqueza que ten esta provincia tanto no ámbito natural e científico como en todos os demais. Un anfiteatro que, ademais, reflexa a profesionalidade e dedicación dos traballadores desta Estación, do Servizo de Arquitectura e de toda a Deputación”, declarou López, quen puxo en valor tamén a entrega de José Rodríguez, o traballador da finca que construíu de forma artesanal a maior parte deste novo auditorio.

“O mundo celebra hoxe o Día Internacional do Té, a bebida máis consumida do planeta despois da auga. E nós quixemos sumarnos a esa conmemoración con este convite, porque moita xente descoñece que a provincia de Pontevedra é unha potencia na produción de té. E esta Estación Fitopatolóxica do Areeiro é o centro de operacións”, explicou o presidente, quen destacou que catro dos cinco xardíns recoñecidos en España co distintivo de excelencia internacional da camelia están na provincia e dous deles, o da Finca Areeiro e o do Castelo de Soutomaior, pertencen á Deputación.

Neste sentido, cómpre salientar que a árbore da camelia sinensis, “a flor das Rías Baixas”, é a planta do té. “Se non é de camelia, non é té”, remarcou o mandatario provincial, antes de poñer en valor a traxectoria de máis de 25 anos de investigación no cultivo de té que converten á Estación Fitopatolóxica do Areeiro nunha referencia a nivel nacional que conta con máis de 2.000 plantas que se empregan para producir o Té Areeiro, “Unha iniciativa que combina ciencia, apoio ao emprendemento e impulso a un té 100% Rías Baixas”, afirmou López.

O lanzamento desta marca por parte da Deputación no ano 2023, así como a candidatura da provincia para acoller no 2031 o Congreso Internacional da Camelia, dan boa mostra do potencial que ten o té para explotar todo o potencial que ten o rural da provincia de Pontevedra. “A Deputación está comprometida coa innovación e o emprendemento no rural a través de proxectos pioneiros, rompedores e valentes como o Té Areeiro feito coas nosas camelias. Unha máxima que temos moi presente en todos os proxectos que promovemos na Deputación é que o rural ten moito futuro, só hai que apostar por el”, sostén Luis López.

O labor que desenvolven os profesionais da Estación Fitopatolóxica do Areeiro é crucial para garantir o futuro do sector gandeiro e da actividade económica no rural da provincia. “É un espazo de referencia para a provincia. Desde aquí coidamos das explotacións agrícolas de toda a provincia, impulsamos o sector primario como fonte emprego, potencial económico e valor de futuro e proxectamos ao mundo as Rías Baixas a través dunha marca única e nosa como é o Té Areeiro”, recoñeceu o presidente, que deu os parabéns a Pilar Vela e a todos os profesionais de Areeiro polo seu traballo.

Galerias de imagenes