Luis López defende o uso diario da lingua e o impulso do seu prestixio entre os máis novos como eixos prioritarios de acción para garantir o futuro do galego

O presidente provincial e a vicepresidenta Luisa Sánchez poñen en valor a pegada de Begoña Caamaño como promotora da lingua e cultura galegas nunha xornada con escolares celebrada na Sede de Vigo para a conmemoración do Día das Letras Galegas

14/05/2026

Luis López defende o uso diario da lingua e o impulso do seu prestixio entre os máis novos como eixos prioritarios de acción para garantir o futuro do galego

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, defende a lingua galega como o principal elemento de cohesión, unión e identidade de todas os galegos e galegas. Fíxoo no acto de conmemoración do Día das Letras Galegas celebrado este xoves na Sede de Vigo da Deputación no que estivo acompañado pola vicepresidenta Luisa Sánchez, o deputado de Cultura, Jorge Cubela, e ao que asistiron tamén estudantes do colexio Amor de Dios de Vigo para desfrutar dunha actividade didáctica deseñada pola Editorial Galaxia centrada na figura da escritora viguesa Begoña Caamaño, autora homenaxeada este ano polo día das Letras Galegas.

“Falar galego non é unha moda. Tampouco é unha ferramenta para discriminar ás persoas que non coñecen a nosa lingua, nin moito menos pode ser motivo para menosprezar a ninguén. Falar galego é un sinal de respecto pola nosa historia, de unión entre galegos e galegas e, por suposto, de amor pola nosa terra”, afirmou o mandatario provincial nunha conversa co alumnado para inculcar a importancia da lingua. “As paredes desta sala están vestidas con ilustracións sobre Rosalía de Castro de autores galegos de todas as épocas que protexeron, coidaron e divulgaron a nosa lingua, como fixo tamén a nosa veciña Begoña Caamaño. Hai pouco tiven a oportunidade de estar en Nova York e o ano pasado en Bos Aires e Montevideo, alí coñecín moitas galegas e galegos, emigrantes ou fillos de emigrantes, que despois de tantos anos seguen falando galego en América porque é a raíz que os mantén unidos á súa terra. Falar galego é dicirlle a todo o mundo que somos de Galicia, esa terra á que todo o mundo quere vir”, expuxo López, quen durante a interacción co alumnado tamén confesou que o galego é o idioma que fala a diario, desde a súa infancia en Rodeiro ata a actualidade como presidente da Deputación.

Pola súa banda, a vicepresidenta Luisa Sánchez puxo en valor a pegada da viguesa Begoña Caamaño na cultura galega e convidou á mocidade a seguir avanzando polo camiño que ela abriu. “Begoña era unha muller viguesa, valente, brillante e profundamente comprometida coa lingua e coa cultura galega. Hai futuro en vós como houbo en Begoña, que non é un ser abstracto que vemos nuns carteis ou nunhas imaxes. Ela foi unha rapaza que se sentou nos mesmos pupitres que vós, que subiu as mesmas escaleiras, que mirou polas mesmas fiestras e que camiñou polos mesmos corredores. Foi unha muller que entendeu a cultura como unha ferramenta para pensar, para cuestionar e tamén para transformar o mundo. Fíxoo desde o xornalismo, desde a radio, desde os libros e desde unha defensa firme da igualdade e do galego”, salientou a vicepresidenta, que anima a toda a cidadanía a promover o galego os 365 días do ano.

Despois da conversa de López e Sánchez coa cativada asistente a este acto institucional, os escolares tomaron parte dunha actividade desenvolvida polo editor de Galaxia, Marcos Calveiro, e a ilustradora Alba Stilton na que descubriron a traxectoria de Begoña Caamaño da man do libro “Bego e o mundo do revés” da autora Iria Collazo e cun vídeo para aprender a facer ilustracións.

“Como dixo Castelao: ‘Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma’, é por iso que desde a Deputación seguiremos protexendo, divulgando e impulsando a nosa lingua”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imagenes