Luis López reivindica o compromiso da Deputación co sector empresarial: 3,7M€ para crear emprego, 100% de ocupación en Barro-Meis e impulso ao emprendemento

O presidente provincial, xunto co deputado Jorge Cubela, foi un dos encargados de entregar os galardóns aos empresarios recoñecidos na gala dos XVIII Premios Xove Empresario do Ano que organizou AJE no centro sociocultural de Tenorio

22/10/2026

Luis López reivindica o compromiso da Deputación co sector empresarial: 3,7M€ para crear emprego, 100% de ocupación en Barro-Meis e impulso ao emprendemento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma o compromiso da Deputación no apoio ao tecido empresarial da provincia a través de programas e políticas diversas como a investimento de 3,7 millóns de euros para fomentar o emprego este ano, a completa ocupación do polígono empresarial de Barro-Meis ou as distintas iniciativas postas en marcha para impulsar o emprendemento entre a mocidade. Fíxoo durante a gala de entrega da décimo oitava edición do Premio Xove Empresario do Ano que organizou a Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) de Pontevedra este mércores no Centro Sociocultural de Tenorio, no concello de Cerdedo Cotobade.

“Esta gala que é moito máis ca unha mera entrega de premios. É a constatación de que Pontevedra conta cun tecido empresarial profesional, potente e comprometido; é a demostración da capacidade da provincia para emprender, innovar e destacar nun ecosistema global; e é a evidencia de que os emprendedores e empresarios non son seres malvados, senón persoas que arriscan o seu tempo e patrimonio para mellorar a calidade de vida de todos”, declarou o mandatario provincial nunha gala na que tamén participou o alcalde e deputado provincial, Jorge Cubela; e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, María Martínez Allegue, así como o presidente de AJE Pontevedra, Carlos Fontán, e outros representantes de institucións públicas da provincia e do tecido empresarial.

A gala serviu para entregar distincións a figuras do ámbito empresarial, do emprendemento e da mocidade pola súa contribución ao desenvolvemento económico da provincia coa entrega de galardóns relacionados coa responsabilidade social e empresarial, a innovación, a iniciativa emprendedora e, finalmente, o premio ao mellor empresario novo do ano. “Sexa cal sexa o sector, a antigüidade ou a facturación; todas e todos contribuídes á construción dunha provincia máis competitiva, máis forte e con máis oportunidades”, valorou López despois de recoñecer o labor de AJE e agradecer ao alcalde Jorge Cubela a colaboración para a celebración deste evento en Cerdedo Cotobade.

O compromiso da Deputación coas persoas que deciden emprender unha iniciativa empresarial na provincia centrou a intervención do presidente provincial na gala. “Agradecer, recoñecer e premiar está moi ben, pero as boas palabras non serven de nada senón veñen acompañadas de accións. E na Deputación buscamos sempre espremer ao máximo a colaboración co tecido empresarial. Este ano destinamos a fomentar o emprego 3,7M€, a través de distintas iniciativas de cooperación cos concellos, coa mocidade e con entidades sociais. Impulsamos un dos principais motores económicos da provincia e de Galicia, como é o polígono empresarial de Barro-Meis, completamente ocupado e no que ofrecemos un espazo para novas iniciativas a través do noso viveiro de empresas. Atendemos ao tecido empresarial da man dunha alianza coa Xunta de Galicia, os Polos de Emprendemento, que estenderán as súas raíces por toda a provincia; e recoñecemos o emprendemento entre a poboación máis nova a través dos Premios Provinciais á Xuventudecos que premiamos as mellores iniciativas empresariais”, enumerou López.

Antes de reafirmar o apoio da Deputación ao tecido empresarial da provincia e reiterar o recoñecemento a AJE polo seu labor ao tempo que tendeu a man da Administración provincial para seguir reforzando as colaboracións, Luis López quixo destacar a capacidade da provincia para crear riqueza. “Somos unha provincia pequena en extensión pero con grandes emprendedores, polo que para a Deputación a colaboración co sector empresarial é moito máis ca unha liña estratéxica, é cumprir co noso deber”, rematou o presidente provincial..

Galerias de imagenes