Luis López sinala que o primeiro stand propio de Rías Baixas na feira ITB de Berlín supón un novo fito na internacionalización do destino e na busca de viaxeiros interesados na oferta de deporte e natureza

O desembarco de Turismo Rías Baixas na feira internacional da capital xermana dá continuidade á estratexia iniciada na WTM de Londres e na BTL de Lisboa

03/03/2026

Luis López sinala que o primeiro stand propio de Rías Baixas na feira ITB de Berlín supón un novo fito na internacionalización do destino e na busca de viaxeiros interesados na oferta de deporte e natureza

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, encabeza a expedición de Turismo Rías Baixas á Feira Internacional de Viaxes e Turismo ITB de Berlín, un dos eventos de maior impacto para este sector en Europa, co obxectivo de seguir avanzando na estratexia de internacionalización da provincia impulsada polo goberno provincial. Unha mostra do traballo que se está a realizar pola captación de máis visitantes estranxeiros está en que Turismo Rías Baixas conta cun stand propio neste congreso para dar maior visibilidade ao destino e establecer liñas de colaboración con profesionais do sector de Alemaña, que conta cun público moi propicio para o turismo natural que ofrece a provincia a través de propostas como o Camiño de Santiago.

Acompañado polo deputado de Turismo, Xesús Vázquez Almuíña, e persoal de Turismo Rías Baixas, o presidente Luis López mantivo, nesta primeira xornada da feira, unha conversa co ministro de Turismo do Goberno de España, Jordi Hereu; e un encontro de traballo cos dirixentes de Clúster de Turismo de Galicia, así como contactos informais con responsables doutros postos que amosaron o seu interese pola proposta de Turismo Rías Baixas.

O desembarco de Turismo Rías Baixas na feira internacional da capital xermana dá continuidade á estratexia iniciada na WTM de Londres e na BTL de Lisboa. En Berlín, a provincia de Pontevedra está a dar a coñecer unha proposta de gran interese e alta calidade para o turismo europeo, entre as que a oferta de turismo deportivo, elemento central da campaña de promoción deste ano das Rías Baixas, está entre os seus maiores reclamos. Con todo, produtos como as variantes do Camiño de Santiago que cruzan a provincia, o turismo de natureza ou o enoturismo seguen a levantar un amplo interese por parte do sector.

Galerias de imagenes