Luis López presenta Impulsa Benestar: dúas liñas de apoio por valor de 1,1M€ para que as entidades de benestar social adquiran vehículos ou fagan obras nos seus locais

“Estes dous novos programas facilitarán o labor diario das entidades de Benestar Social, farán posible que cheguedes a máis usuarios e mellorarán a calidade de vida de todos”, afirma Luis López

14/01/2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este mércores no salón de plenos do Pazo provincial diante de representantes de entidades de benestar social da provincia un novidoso programa de apoio a estas organizacións sen ánimo de lucro que operan na provincia: Impulsa Benestar. Trátase dun plan que engloba dúas liñas de subvencións, dotadas con 600.000 e 500.000 euros cada unha, para que os beneficiarios realicen obras nos seus locais ou adquiran vehículos. “Un programa de apoio que marca un antes e un despois nas políticas de Benestar Social desta Deputación, unhas axudas sen precedentes para as organizacións sen ánimo de lucro que traballan no noso territorio e un plan que repartirá 1,1M€ entre as entidades de Benestar Social da provincia”, afirmou o mandatario provincial, que estivo acompañado pola deputada de Benestar Social, Paula Bouzós; e a coordinadora de estratexia de Benestar Social, Sandra Bastos; “as verdadeiras artífices do programa xunto coas traballadoras do servizo”, recoñeceu López.

O dirixente provincial definiu a estas dúas novas convocatorias como unha mostra de agradecemento, recoñecemento e posta en valor do traballo que as entidades sociais realizan ao longo de todo o ano. “Para esta Deputación prestarvos o apoio que merecedes, máis que unha obriga, é un exercicio de responsabilidade e un xeito de recoñecer o valioso labor que facedes. Agradecer está ben, pero de pouco serve se non chega acompañado de accións e feitos. Escoitar, entender e atender é o lema deste goberno que teño a honra de presidir: Así o facemos cando visitamos as vosas sedes e observamos o que facedes, cando asistimos ás vosas actividades e comprendemos o valioso labor que realizades e cando vos convocamos a actos coma este para atender as vosas necesidades. Porque nunha misión esencial como a vosa, tedes na Deputación un apoio sólido e un aliado leal co que camiñar da man por unha ponte que ten na inclusión e a igualdade a súa meta. A demostración está neste novidoso programa Impulsa Benestar deseñado especificamente para as entidades de benestar social”, remarcou o presidente.

De explicar os detalles de cada unha das convocatorias ocupáronse a deputada Paula Bouzós e a coordinadora Sandra bastos. A primeira explicou os requisitos para a concesión das axudas para a adquisición de vehículos ou a adaptación dos mesmos, que repartirán un total de 500.000 euros do seguinte xeito: 25.000€ para a adquisición de vehículos novos, 15.000€ para mercar vehículos de segunda man e 5.000€ para a realización de traballos de adaptación. O importe máximo da subvención non poderá exceder en ningún caso o 80 % do orzamento e o prazo de presentación de solicitudes é de 30 días hábiles. “É unha nova liña de axudas que permitira subvencionar a adquisición de vehículos novos ou de segunda man e a realización de traballos para converter os vosos vehículos en medios de transporte adaptado”, resumiu Bouzós.

Pola súa banda, a coordinadora do servizo de Benestar Social, Sandra Bastos, encargouse de detallar a convocatoria relacionada coa realización de obras nos locais das entidades beneficiarias. “É unha liña de axudas para subvencionar a construción de novas edificacións ou volumes funcionais asociados á vosa actividade; rehabilitar inmobles; ampliar superficies ou volumes edificados; reformar espazos interiores ou exteriores que supoñan unha mellora das condicións de uso, seguridade ou funcionalidade; conservar os espazos ou impulsar obras de mellora da eficiencia enerxética”, resumiu Bastos sobre unha convocatoria dotada con 600.000 euros e que repartirá un máximo de 80.000€ por beneficiario sen superar en ningún caso o 80 % do custo da obra, que debe estar valorada como mínimo en 100.000€. O prazo de presentación de solicitudes, neste caso, é de tres meses.

“Estes dous novos programas facilitarán o labor diario das entidades de Benestar Social, farán posible que cheguedes a máis usuarios e mellorarán a calidade de vida de todos”, resumiu o presidente provincial o sentido desta iniciativa.

Apoio aos colectivos
Estar ao carón dos colectivos, escoitar as súas demandas e atender as súas necesidades é unha das bandeiras do goberno provincial. Unha meta cara a que a Deputación dá un novo paso coa posta en marcha deste programa Impulsa Benestar e que adapta iniciativas de éxito postas a disposición doutros colectivos ás entidades de benestar social que traballan na provincia. “Estas dúas propostas xa as puxemos en práctica con colectivos doutros eidos como o deporte ou o movemento veciñal e resultaron ser un completo acerto, pola aceptación, pola concorrencia e polos resultados. Pero no noso empeño constante de atender a colectivos de todos os eidos, chegar a todos os recunchos da provincia e mellorar a calidade de vida de toda a veciñanza, preguntámonos: Por que o que estamos a poñer a disposición do tecido deportivo e do tecido veciñal non o facemos chegar a aqueles que coidan da provincia? É de xustiza, non? Pois esta é a resposta”, concluíu o presidente Luis López a presentación destas dúas convocatorias.

Investimento histórico en Benestar Social
Este novo programa de apoio da Deputación a entidades de Benestar Social amplía o abano de medidas impulsadas polo goberno provincial neste eido que, no que vai de mandato, mobilizaron máis de 22 millóns de euros. Unha cifra que engloba os máis de 11M€ de apoio á prestación de servizos sociais nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, máis de 2,6M€ na colaboración directa para financiar os programas deseñados polas entidades sociais da provincia, máis de 2,5M€ para poñer en marcha plans propios da Deputación que impulsan o benestar como +Convivencia ou Provincia +Inclusiva ou os máis de 5,5M€ reservados polo goberno provincial para a mellora neste ano das instalacións de Príncipe Felipe.

Galerias de imagenes

videos