Luis López reivindica que “o medio rural ten moito futuro” e recoñece o valor das persoas e entidades que “apostan por el” na apertura da Semana Verde de Galicia en Silleda

O presidente provincial reafirma o compromiso da Deputación co sector primario e o campo galego a través do apoio de récord ás cooperativas agrogandeiras, a colaboración anual con esta feira e o impulso a centros de referencia como Mouriscade e Areeiro

04/06/2026

Luis López reivindica que “o medio rural ten moito futuro” e recoñece o valor das persoas e entidades que “apostan por el” na apertura da Semana Verde de Galicia en Silleda

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindica “o potencial” do medio rural da provincia e recoñece o labor das persoas, colectivos e institucións “que apostan por el” na inauguración da edición número 48 da Semana Verde de Silleda, un evento de referencia para o sector agrogandeiro que converte á comarca do Deza e á provincia no “centro neurálxico” galego. O mandatario provincial vén de participar este xoves no acto inaugural dun evento, que se celebra en Silleda ata o 7 de xuño, no que tamén participou o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

A Semana Verde de Galicia é unha feira multisectorial de impacto internacional, con case 800 expositores de distintos países, que reúne empresas e profesionais de diferentes sectores como a agricultura, gandería, alimentación, turismo, caza e pesca. Trátase dun punto de encontro para profesionais e público en xeral, onde se poden coñecer as últimas novidades do sector, establecer contactos e desfrutar de diversas actividades de lecer. Ademais, o mandatario provincial completou un percorrido pola feira facendo unha parada no stand da Deputación, na que o organismo provincial dá a coñecer o programa de apoio ao comercio local da Rede Move, na que 14 produtores de distintos concellos da provincia amosarán os seus produtos e no que tamén se levarán a cabo demostracións de cociña en directo.

“A Semana Verde de Galicia é un compendio de moitas mostras: da capacidade de innovación do sector primario, da riqueza, calidade e variedade do tecido agrogandeiro e das posibilidades de crecemento e emprendemento do Medio Rural. Pero cómpre salientar que tamén é unha mostra de orgullo, profesionalidade e músculo de todos os actores que forman parte do noso campo”, resumiu López, quen quixo agradecer e recoñecer o labor de todas as entidades implicadas na celebración deste evento, desde as administracións públicas, como a Xunta, o Concello de Silleda e tamén a Deputación; ata os traballadores do sector primario, as cooperativas, emprendedores, empresas e todos os colectivos.

“Unha vez ao ano, desde hai case medio século, neste recinto poñemos o foco e alzamos a voz para remarcar que un dos motores máis potentes de desenvolvemento económico e de emprego que temos en Galicia é o sector agrogandeiro; que un dos sinais de identidade e orgullo das galegas e galegos é o carácter rural que tan ben representado está sempre neste espazo; e que o sector primario é sinónimo de compromiso coa sustentabilidade e co coidado do medio natural. Demostramos cada día que no rural hai futuro e só hai que apostar por el”, defende o presidente provincial.

Neste sentido, López reafirmou o compromiso estratéxico da Deputación de Pontevedra co apoio ao medio rural da provincia. “Como presidente da Deputación de Pontevedra e, sobre todo, como veciño desta comarca do Deza coñezo ben o sacrificio e esforzo diario que realizades para sacar adiante as vosas empresas, impulsar a nosa economía e manter con vida as nosas vilas e aldeas. Tedes na Deputación unha institución que comprende as vosas circunstancias e un administración que atende as vosas necesidades”, contextualizou o dirixente antes de enumerar iniciativas concretas impulsadas polo goberno provincial como o convenio de colaboración para a organización da Semana Verde de Galicia, a posta a disposición do sector de dous centros de referencia como a Finca mouriscade ou a Estación Fitopatolóxica do Areeiro e un apoio de récord, 350.000€ en subvencións cada ano, para que as cooperativas agrogandeiras poidan facer fronte aos seus gastos e modernizar os seus equipamentos.

“Se o medio rural desta provincia e de Galicia é un sector con tanto pasado coma futuro, tan tradicional como innovador e tan global como noso é grazas ao empuxe de todos os que estamos aquí”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imagenes