Luis López recoñece desde Mos a achega do millón de valedores e valedoras da provincia que fan das Rías Baixas referencia en calidade de vida, cultura e sustentabilidade
O presidente provincial participa na inauguración da 53ª Festa da Rosa, na que foron recoñecidos: María José Gómez Rodríguez, Patricia Martínez, Daniel Burgos, Radio Vigo e Celta Integra xunto con Alba Salgueiriño e Óscar Molinos como valedoriños da educación
13/06/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, enxalza a achega do millón de “valedoras e valedores” que habitan a provincia para configurar un territorio que sobresae pola calidade de vida e o carácter acolledor da súas xentes, por unha riqueza patrimonial diversa e de excelencia e por ser unha referencia en sustentabilidade turística. Unha proposta única “que non se pode explicar con palabras” e que resume á perfección celebracións de interese turístico como a Festa da Rosa de Mos, sinalou o mandatario provincial quen, na inauguración da edición número 53 desta cita, recoñeceu que “esta festa, igual que as Rías Baixas, non se poden explicar. Hai que vivilas”.
A inauguración da festa, na que tivo lugar o nomeamento de novas valedoras e valedores da rosa de Mos, correu a cargo do cómico Xosé Antonio Touriñán e serviu tamén para entregar os premios aos gañadores do certame de mellores empanadas e rosas e para abrir a primeira feira do Viño Rosado de Galicia. O presidente provincial puxo en valor a contribución dos novos valedores á grandeza cultural, social e ambiental tanto de Mos como de toda a provincia. “As Rondallas de Mos non acadarían a proxección que teñen hoxe sen a achega de Daniel Burgos, na construción desta provincia do deporte hai ladrillos que levan o nome de Patricia Martínez, o futuro desta contorna rural está garantido grazas ao labor de persoas profesionais, comprometidas e rigorosas como a conselleira María José Gómez Rodríguez. a canle imprescindible pola que circulan as necesidades da veciñanza e unha información veraz e de calidade ten nome e apelidos: Radio Vigo e Eugenio González de Haz; da man de institucións como o Celta Integra construímos unha provincia máis inclusiva e xusta e o expediente académica, o amor pola terra e o compromiso co desenvolvemento do concello que demostran Alba Salgueiriño e Óscar Molinos demostran que temos por diante un futuro brillante”, enxalzou o presidente Luis López as calidades dos novos valedores e valedoras da Rosa de Mos.
Un recoñecemento que o dirixente provincial estendeu tamén á alcaldesa Nidia Arévalo e a todas as persoas e entidades que dedican o seu tempo, ideas e recursos a facer realidade unha festa que xa é unha parada obrigada no calendario de festas tradicionais da provincia.
“Levamos máis de medio século exaltando desde Mos a riqueza patrimonial, cultural e social que temos nas Rías Baixas. Non queda máis que dar os parabéns a todas as persoas e institucións que achegan cada día o seu gran de area a esta provincia extraordinaria. Se as Rías Baixas son meta e destino para milleiros de persoas de todo o mundo —que queren descubrir este paraíso e vivilo como o vivimos nós— é por obra e graza do millón de valedores e valedoras que temos nesta provincia”, concluíu o presidente Luis López.
