Luis López e Javier Olleros protagonizan o primeiro episodio de Minutos Extra: un pódcast da Deputación con figuras que constrúen a nosa provincia extraordinaria

O presidente provincial e o recoñecido chef de Culler de Pau, restaurante con dúas estrelas Michelín e referente en gastronomía ligada ao territorio e a sustentabilidade, conversan e comparten confesións sobre a realidade e o futuro da provincia: “Veñen anos moi bos para as Rías Baixas”, augura Olleros

06/05/2026

Luis López e Javier Olleros protagonizan o primeiro episodio de Minutos Extra: un pódcast da Deputación con figuras que constrúen a nosa provincia extraordinaria

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o chef do restaurante Culler de Pau, no Grove, protagonizan o primeiro episodio do pódcast “Minutos Extra”, un novo espazo promovido pola Deputación para a conversa cos rostros extraordinarios da provincia. Nesta primeira entrega, López e Olleros comparten tanto confesións persoais como as súas propias impresións sobre a realidade e o futuro das Rías Baixas que para ambos os dous pasa por implicar dentro da marca aos 61 concellos da provincia e visibilizar o interior. “Paréceme brillante visibilizar todos os lugares que forman parte das Rías Baixas”, recoñeceu o chef —“desde a cima ao fondo”, matizou López— sobre a aposta da Deputación polo turismo de interior.

O presidente Luis López estrea co chef o primeiro episodio dun pódcast chamado a ser un espazo de reflexión con figuras “extraordinarias que nos fan ser unha provincia extraordinaria” en distintos eidos como o turismo, a gastronomía, a cultura, o deporte ou a sustentabilidade, co obxectivo de analizar en clave persoal e distendida os retos de presente e de futuro da provincia. Por esa razón, o título do proxecto fai referencia non só as cualidades extraordinarios dos convidados, senón á necesidade de dedicar un tempo adicional, uns minutos extra, á maneira do tempo engadido do deporte, para pensar pausadamente sobre o rumbo do noso territorio.

Javier Olleros é a alma máter do restaurante Culler de Pau, un establecemento hostaleiro aberto no ano 2009 na localidade de Reboredo, no Concello do Grove. De carácter rural e de raíz, sobre a ría e rodeado dunha horta e dun laboratorio de ideas sobre gastronomía e produción sustentable, o restaurante é hoxe unha das “catedrais” da gastronomía galega, distinguido con dúas estrelas Michelin, tres soles Repsol e unha exitosa traxectoria no eido da gastronomía ligada á sustentabilidade e o territorio. “É unha honra que Culler de Pau poida ser un pequeno referente nas Rías Baixas. Para min é un proxecto de vida e o resultado de onde vimos, dos que cociñaron antes e nos deixaron o camiño ben lixeiro para poder dar un golpe enriba da mesa e demostrar que se pode facer unha comida contemporánea desde a raíz, desde a aldea e desde o meu pobo querido”, explica o cociñeiro na súa conversa co presidente.

Na charla, gravada no Pazo provincial, López e Olleros reflexionaron tamén sobre o éxito turístico das Rías Baixas, as posibilidades infinitas que ofrece a combinación dos produtos xenuínos do mar e da terra para facer da gastronomía galega unha referencia global e, tamén, sobre a necesidade de apostar polo emprendemento no rural. “O rural ten un potencial enorme, pero hai que crer nel”, sostén o presidente. “Culler de Pau está na aldea e para min é un orgullo. Pero sempre tiven que pelexar porque a xente me dicía: ‘pero quen che vai vir aquí?’. Agora mesmo o rural é un gran valor”, puntualizou o chef.

“Veñen anos moi bos para as Rías Baixas”, rematou Javier Olleros cunha conclusión compartida tamén polo presidente Luis López un pódcast que xa está dispoñible para a súa visualización na plataforma DepoPlay da Deputación, a través deste enlace: https://play.depo.gal/slider/videos/episodio-1-minutos-extra-javier-olleros. Ademais, poderase acceder ao primeiro episodio de Minutos Extra a no resto de plataformas (canles de redes sociais, Youtube, Spotify e Ivoox) a partir do vindeiro luns.

Galerias de imagenes