Luis López presenta En plan ben, o novo programa da Deputación co que “pomos o foco en algo tan importante como é a saúde mental e o benestar emocional da mocidade”
Luis López: “Para nós a xuventude é cuestión prioritaria e por iso creamos o primeiro servizo de Xuventude da historia da Deputación. A nosa vontade é coidar á mocidade e dotala de todas as ferramentas posibles para que teña un futuro cheo de oportunidades”
10/10/2025
Luis López presenta En plan ben, un novo programa impulsado polo servizo de Xuventude da Deputación de Pontevedra co que, en palabras do presidente Luis López, "pomos o foco en algo tan importante como é a saúde mental e o benestar emocional da mocidade". O presidente, que incidiu na importancia da xuventude para o goberno provincial, subliñou que "a nosa vontade é coidar á mocidade e dotala de todas as ferramentas posibles para que teña un futuro cheo de oportunidades".
En plan ben, dotado con máis de 42.000 €, ofertará un total de 34 accións formativas para centros educativos de ESO e Bacharelato dos concellos de reto demográfico da provincia, que poderán formalizar a súa solicitude no mes de novembro. As actividades, tal e como informou Luis López, están deseñadas para os diferentes grupos da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias. Deste xeito, para o alumnado poranse en marcha obradoiros de 8 horas sobre autolesións, prevención de condutas de suicidio, trastornos de conduta alimentaria, acoso escolar, pornografía ou, entre outras, substancias abusivas. Pola súa banda, para o profesorado os obradoiros serán de 4 horas e centraranse na promoción do benestar, na identificación de riscos ou na abordaxe de problemas. E, finalmente, para as familias os obradoiros serán de 2 horas e analizarán a saúde mental no fogar, a comunicación asertiva cos menores ou a convivencia positiva.
Escoitar, entender e atender
O presidente provincial explicou que "como practicamente a maioría das iniciativas que poñemos en marcha nesta casa, En plan ben xurdiu da escoita activa, porque a nosa forma de facer política é escoitar, entender e atender". Ao respecto, López detallou que "nas xuntanzas mantidas entre o servizo de Xuventude cos diferentes colectivos que traballan coa mocidade había un denominador común: a preocupación pola saúde mental das nosas mozas e mozos. Así que, despois da escoita, decidimos incorporar no I Plan Estratéxico de Xuventude esta cuestión tan solicitada e aquí está o resultado: En plan ben".
