A Deputación contratará por valor de 42.500 € os obradoiros sobre benestar emocional e saúde mental do novo programa de apoio á mocidade En plan ben
O presidente provincial Luis López recordou que esta nova iniciativa provincial, que ten aberto o prazo de solicitude, oferta obradoiros para 34 centros educativos públicos de Secundaria e Bacharelato dos concellos de reto demográfico da provincia
07/11/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno o expediente para contratar por valor de 42.500 euros o servizo de desenvolvemento dos obradoiros sobre benestar emocional e saúde mental do novo programa de apoio á mocidade En plan ben. O presidente provincial Luis López recordou que esta nova iniciativa provincial, que ten aberto o prazo de solicitude, oferta obradoiros para 34 centros educativos públicos de Secundaria e Bacharelato dos concellos de reto demográfico da provincia.
As actividades de En plan ben están deseñadas para os diferentes grupos da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias. Deste xeito, para o alumnado poranse en marcha obradoiros de 8 horas sobre autolesións, prevención de condutas de suicidio, trastornos de conduta alimentaria, acoso escolar, pornografía ou, entre outras, substancias abusivas. Pola súa banda, para o profesorado os obradoiros serán de 4 horas e centraranse na promoción do benestar, na identificación de riscos ou na abordaxe de problemas. E, finalmente, para as familias os obradoiros serán de 2 horas e analizarán a saúde mental no fogar, a comunicación asertiva cos menores ou a convivencia positiva.
Cos recursos aprobados pola Xunta de Goberno, tal e como detallou o presidente, será posible contratar o servizo de desenvolvemento destes obradoiros que está previsto que se desenvolvan ao longo do primeiro semestre do próximo ano 2026.
