Luis López celebra que a nova edición de +Escénicas, con case 140 funcións previstas, renove a exitosa receita de levar a cultura e a lingua a todos os recunchos da provincia

O mandatario provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, presenta diante de alcaldes da provincia e profesionais do eido da cultura a nova entrega do +Escénicas, que dispón de 204.000 euros de orzamento

18/05/2026

Luis López celebra que a nova edición de +Escénicas, con case 140 funcións previstas, renove a exitosa receita de levar a cultura e a lingua a todos os recunchos da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta a terceira edición do circuíto provincial de artes escénicas +Escénicas, unha iniciativa creada polo goberno provincial co obxectivo de dinamizar a actividade cultural nos concellos de menos de 20.000 habitantes e apoiar as compañías de teatro e danza galegas. “Hai tres anos presentabamos o primeiro circuíto provincial de artes escénicas. Hoxe +Escénicas xa é un proxecto consolidado e un éxito absoluto””, afirmou o mandatario provincial nun acto celebrado no Salón de Plenos que comezou coa actuación de danza de Clara Ferrao do que tamén desfrutaron o deputado de Cultura, Jorge Cubela, así como alcaldes e concelleiros da provincia e profesionais do sector, representados polo xerente de Escena Galega, Diego Meizoso.

A terceira edición do circuíto +Escénicas xa está en marcha e conta cunha programación de 138 funcións en 50 concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia (todos os da provincia agás Tomiño, que non solicitou a súa participación). Esta nova convocatoria chega ademais con importantes novidades, a primeira delas está relacionada co orzamento, que aumenta en 9.000 euros con respecto ao ano anterior para situarse nos 209.000€. Os Concellos beneficiarios recibirán achegas dun máximo de 4.000€, unha suba de 200€ con respecto ao ano anterior, e poderán programar ata cinco eventos, sempre que polo menos un sexa de danza. A Deputación cofinancia o 90 % do custo da programación nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80 %, nos de menos de 10.000; e o 70% nos de menos de 20.000.

Outra das novidades está no reforzo da visibilidade e promoción das dúas disciplinas artísticas que compoñen o circuíto. Así, as actuacións teatrais englóbanse baixo a marca de +Teatro e as de danza, +Danza. Tres anos despois da estrea do +Escénicas, a oferta posta a disposición dos concellos e a veciñanza non deixa de aumentar, o catálogo consta xa de máis de 250 compañías que ofrecen ata 600 espectáculos distintos. Nesta terceira edición xa están pechadas as 138 funcións que se desenvolverán ata marzo do ano 2027, das cales 105 representaranse en galego reforzando deste xeito o impulso da Deputación á lingua a través da promoción da cultura.

A extraordinaria acollida que está a ter este programa débese, segundo recoñeceu o presidente Luis López, ao traballo conxunto de todas as partes implicadas: o sector galego do teatro e a danza, os concellos e a Deputación. “Traballamos xuntos pola difusión da nosa cultura”, subliñou o dirixente antes de agradecer o labor de cada un dos implicados. “En primeiro lugar, ao deputado de Cultura, Jorge Cubela, e a todo o servizo por ter a capacidade de escoitar, entender e atender; así como por apostar pola nosa cultura, pola nosa lingua. En segundo lugar a Escena Galega e a todos os profesionais porque despois de intentalo durante anos sen éxito, volvestes chamar a porta desta Deputación cando chegamos ao goberno e conseguimos mellorar os servizos e levar a mellor cultura a toda a provincia. E finalmente, aos alcaldes e alcaldesas porque souberon valorar o calado deste circuíto, aceptaron facerse cargo do cofinanciamento e cada ano esgotan o crédito para mellorar a súa programación cultural”.

Pola súa banda, o director de Escena Galega lembrou que a posta en marcha deste circuíto era unha “demanda histórica do sector, levabamos máis de 12 anos e esta corporación deunos o apoio para a creación do circuíto”. Mentres que o deputado de Cultura, Jorge Cubela, recoñeceu que foi un “acerto” porque o +Escénicas “permite aos concellos ter unha programación cultural de calidade ao longo de todo o ano que non poderían manter sen esta axuda”.

“Esta é unha nova mostra do compromiso desta Deputación coa protección e promoción da nosa cultura e da nosa lingua, co apoio a un sector cultural de calidade e profesional e coa colaboración cos Concellos, facilitando unha programación cultural de alto nivel e que chegue a todos os recunchos da provincia”, concluíu o presidente Luis López.

Galerias de imagenes

audios