Luis López recoñece o labor dos xuíces de paz para garantir unha xustiza accesible e servizos próximos e de calidade para facer fronte ao reto demográfico no rural da provincia

O mandatario provincial ofrece a colaboración da Deputación ao colectivo para traballar en conxunto por aumentar a cifra de profesionais inscritos no rexistro de xuíces de paz

28/05/2026

Luis López recoñece o labor dos xuíces de paz para garantir unha xustiza accesible e servizos próximos e de calidade para facer fronte ao reto demográfico no rural da provincia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, recoñece a valiosa achega dos xuíces de paz para proporcionar á veciñanza unha xustiza accesible e próxima coa que contribúen a facer fronte ao reto demográfico, especialmente nas zonas rurais da provincia. Fíxoo no Pazo Colón de Poio, onde se está a celebrar ao longo deste xoves unha xuntanza de xuíces e xuízas de paz da provincia para analizar a situación actual e os retos de futuro deste colectivo a través do debate en dúas mesas redondas con profesionais do ámbito da xustiza e da administración local.

“Existen moitas maneiras de afrontar o reto demográfico, un dos maiores desafíos ao que nos enfrontamos como sociedade nesta provincia. E quero dicilo alto e claro: necesitámosvos. Sodes imprescindibles para que as fronteiras entre o rural e urbano sexan cada vez máis difusas. Desde a Deputación temos claro que hai que actuar desde todas as frontes: as comunicacións, a oferta cultural e as infraestruturas e servizos. Pero tamén necesitamos ese intanxible co que traballades os xuíces de paz, que non é outro que a mediación, a garantía de convivencia e velar por unha xustiza accesible e para todos. Vós facilitades trámites do día a día, permitirdes resolver ao lado da casa asuntos que sen vós implicarían farragosos e imposibles desprazamentos e conseguides que os núcleos rurais sigan sendo lugares nos que sigue pagando a pena vivir”, declarou o mandatario provincial na apertura dun acto no que estivo acompañado polo alcalde de Poio, Ángel Moldes, e do presidente da Audiencia provincial, Jacinto José Pérez.

Neste sentido, o presidente da Deputación referiuse tamén ás dificultades que atravesa tamén este ámbito da xustiza. “O voso sector tampouco é alleo aos problemas que padecen moitos outros. A falta de persoal, de relevo xeracional ou o peche de Xulgados de Paz nalgúns concellos son algúns deles. Por iso, vos lanzo unha petición de axuda: é de vital importancia que para que os nosos concellos non sigan perdendo poboación que siga habendo persoas coma vós, precisamos veciñas e veciños solidarios coma vós que axuden a resolver cuestións administrativas nas nosas vilas e necesitamos que o rexistro de Xuíces e Xuízas de Paz volva crecer para garantir un servizo fundamental”, remarcou López.

Por este motivo, o goberno provincial ten a man tendida para colaborar con este colectivo para que sigan exercendo un servizo fundamental para a cohesión territorial da provincia. “Póñome á vosa disposición, tanto eu como a Deputación, para prestarvos a axuda que necesitedes. O futuro dos xuíces de Paz é unha prioridade para o meu goberno”, concluíu Luis López despois de salientar o “valioso labor” que desempeña este sector da Xustiza e de agradecer ao alcalde de Poio a predisposición para acoller no Pazo Colón este encontro.

Galerias de imagenes