Luisa Sánchez participará na feira internacional Routes 2026 para establecer contactos con compañías aéreas na procura de novas conexións en Peinador

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra desprazarase a Frankfurt en outubro, onde analizará con representantes de aeroliñas os casos de negocio elaborados por AENA para o aeroporto olívico

30/09/2026

Luisa Sánchez participará na feira internacional Routes 2026 para establecer contactos con compañías aéreas na procura de novas conexións en Peinador

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participará na próxima edición de Routes 2026, a feira internacional de referencia no sector aeronáutico, para manter contactos con aeroliñas de cara a súa posible implantación no aeroporto de Vigo.

Así o anunciou tras a reunión do Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia, celebrada este mércores na terminal de Lavacolla, onde Luisa Sánchez reivindicou o Pacto por Peinador como solución para reactivar o aeródromo olívico.

A vicepresidenta explicou que a súa presenza en Routes 2026, que se celebrará en outubro en Frankfurt, permitirá establecer conversas coas compañías aéreas, coñecer os seus plans de expansión e trasladarlles as posibilidades que ofrece o aeroporto vigués como “infraestrutura estratéxica” para o sur de Galicia. Neste sentido, remitiuse aos casos de negocio achegados por AENA para abrir novos enlaces de interese para o tecido económico, turístico e social da provincia.

A participación en Routes 2026 dará continuidade ao traballo que a Deputación está a desenvolver para mellorar a conectividade de Peinador. Neste sentido, a responsable provincial subliñou que a Deputación de Pontevedra é a única administración provincial de Galicia que achegará fondos para captar voos. Así mesmo, recordou que o orzamento anual de 2027 recollerá unha partida de 400.000 euros para abrir dous novos enlaces en Peinador. Unha contía ampliable sen limite se xorde a posibilidade de incorporar máis operativas en Vigo. A esta achega sumaríase os 100.000 euros anunciados pola Xunta de Galicia e as bonificacións de taxas anunciadas por AENA.

Ao fío, defendeu que a fórmula acordada pola Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e AENA xa funcionou noutras cidades galegas como Santiago de Compostela, onde se captou unha base da compañía Wizz Air. Así, fronte a subvención puntual de aeroliñas, avogou por un modelo novo máis ambicioso que poida atraer un maior número de conexións estables en Vigo.

Tras o encontro de Grupo de Traballo de Conectividade Aérea de Galicia, Luisa Sánchez agradeceu o “bo clima” existente por parte do conxunto das administracións públicas, que acudiron “con intención de sumar”. “Coido que as aeroliñas perciben que hai unha unión entre administracións e iso nos reforza na nosa posición ante as compañías e debilita as esixencias que elas poidan ter. Seguimos sumando e seguimos avanzando”, declarou.

Galerias de imagenes