A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas a Moaña cun espectáculo sobre a arte de xogar coas palabras
O espectáculo “Voa, voa” representarase a cargo da compañía Talía Teatro na Sala Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao, en Quintela, ás 18:00 horas
19/11/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 21 de novembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Moaña da man dun espectáculo sobre a arte de xogar coas palabras a cargo da compañía Talía Teatro. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Voa, voa” representarase na Sala Celso Parada do Centro Sociocultural Daniel Castelao, en Quintela, a partir das 18:00 horas e trátase dun espectáculo dirixido especialmente ao público infantil, pero para desfrutar en familia e relembrar a arte de xogar coas palabras. Unha montaxe na que se propón recuperar ditos, retrousos, xogos de man e toda unha relación de ditos populares centrados nestas pequenas rimas que perduraron xeración tras xeración e que se foron transmitindo de xeito oral. Un espectáculo para animar a xogar aos máis pequenos e pequenas, pero sobre todo invitar ás nais, aos pais e moi especialmente ás avoas e aos avós a furgar na súa memoria para recuperar e transmitir os seus xogos da infancia e o vocabulario que se empregaba.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.