A Deputación leva este xoves o ciclo +Escénicas a Vilanova de Arousa cun espectáculo de monicreques, maxia e clown
O espectáculo “Ilusionante” representarase a cargo da compañía Expresión Producións na Confraría de pescadores ás 12:00 horas
01/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva este xoves 4 de decembro o circuíto +Escénicas ao concello de Vilanova de Arousa da man dun espectáculo de monicreques, maxia e clown a cargo da compañía Expresión Producións. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo "Ilusionante" representarase na Confraría de pescadores a partir das 12:00 horas e trátase dun espectáculo para toda a familia con teatro, monicreques, contacontos, maxia, animación, clown e música en directo. A peza amosa a historia dun libro máxico xigante do que aparecen uns fantásticos personaxes, que contarán historias, farán maxia, argallarán algunha trasnada e tamén cantarán. Todo isto mesturado con moito humor para facer rir tanto a maiores como a cativos.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
