A Deputación leva este martes a Baiona o circuíto +Escénicas cun espectáculo itinerante de teatro
“Gran Circo Krasnovarak”, de Troula Animación, representarase ás 19:00 horas na Alameda
20/12/2025
A Deputación de Pontevedra leva este martes 23 de decembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Baiona da man dun espectáculo itinerante de teatro, a cargo de Troula Animación. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Gran circo Krasnovarak”, que se representará na Alameda ás 19:00 horas conta como Nika chega puntual como sempre ao sitio onde tiña que estar montada a carpa do Gran Circo Krasnobarak, pero non está. Tampouco está Pepo, o pallaso, nin os irmáns trapecistas. Igor, o director e domador do circo, explica que todos teñen un problema maior: os animais do circo andan perdidos pola cidade. Así que, coa axuda de todos os nenos e nenas, Nika e Igor saen en busca do Rino Chino, da Elefanta Samanta, da Xirafa Xosefa e do León Antón. Comeza así unha divertida tarefa onde irán aparecendo estes simpáticos animais. Música, animación, interacción co público, carreiras, tolemias, xincanas ou bailes fan desta proposta unha aventura coa que desfrutar toda a familia.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.