Luis López resume a pegada da Deputación co +Rías: compromiso co coidado do medio mariño, apoio ao sector do mar e concienciación sobre a riqueza das Rías Baixas

O presidente provincial, xunto co deputado Marcos Guisasola, participa nun simposio técnico sobre a sustentabilidade nas Rías Baixas diante de profesionais do sector pesqueiro, co que se pecha un programa provincial recoñecido pola Unión Europea

16/01/2026

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, remarca o compromiso do organismo provincial coa protección do medio ambiente e os ecosistemas mariños das Rías Baixas na apertura dun simposio técnico sobre a sustentabilidade das Rías Baixas dirixido aos profesionais do sector pesqueiro que serviu para clausurar o programa +Rías, un programa impulsado polo servizo de Medio Ambiente da Deputación, con financiamento da Unión Europea, co obxectivo de concienciar á cidadanía e aos sectores produtivos da necesidade e da importancia de protexer as rías. “Reafirmamos o noso compromiso non só co sector pesqueiro, que conta co maior apoio da historia por parte desta administración cunha liña de axudas que acadará, en tres anos, a cifra de 1M€ en apoio; senón con todos os colectivos vencellados ás rías e ao medio mariño”, subliñou o mandatario provincial nun acto celebrado no Edificio Administrativo da Deputación diante de profesionais do mar no que tamén participou o deputado de Medio Ambiente, Marcos Guisasola.

O programa +Rías, dotado cun orzamento total de 133.000 euros, dos que a Deputación achega 40.000€ con recursos propios e os restantes 93.000€ a través dos fondos europeos conseguidos pola idoneidade do proxecto, iniciouse en novembro do ano 2024 sustentado en catro eixos de actuación. “Hoxe podemos dicir que acadamos e mesmo superamos os obxectivos marcados”, asegurou o dirixente antes de repasar os resultados do programa. Co obxectivo de sensibilizar as novas xeracións da importancia de garantir a biodiversidade e dunha pesca sustentable, celebráronse nove obradoiros que permitiron chegar a case 240 escolares e repartir case 100 de contos infantís; para implicar ao sector pesqueiro sobre a necesidade das boas prácticas ambientais, contouse coa colaboración das confrarías en distintos seminarios; e na meta da posta en valor da pesca e dos produtos do mar, tiveron lugar tres exposicións itinerantes, tres cursos con máis de 50 participantes e tres degustacións con case 200 asistentes.

Para clausurar o programa celebrouse un simposio técnico sobre a sustentabilidade das Rías Baixas deseñado para os profesionais do mar, que asistiron a conferencias sobre o impacto do cambio climático nas rías galegas, risco climático e adaptación en zonas costeiras; o proxecto “ALGASDET”, centrado nas novas ferramentas para detectar a alga invasora Rugulopteryx okamurae mediante ADN ambiental; a economía azul e xestión portuaria nas Rías Baixas: desafíos para un desenvolvemento sostible; e os espazos protexidos e Rede Natura 2000 nas Rías Baixas: conservación, usos e gobernanza; da man de científicos, investigadores e profesionais do Parque Nacional das Illas Atlánticas, da Autoridade Portuaria de Vigo e das Universidades de Vigo e Santiago. “É de vital importancia fomentar o respecto cara ao noso patrimonio natural da provincia, e facelo lembrando que é unha responsabilidade de todos e todas por igual. Por sorte, nesta provincia temos unha sociedade consciente do valor do noso patrimonio natural e da necesidade de protexelo”, declarou o deputado Marcos Guisasola para dar por clausurado o programa.

Nun contexto marcado polas consecuencias do quecemento global, da suba da temperatura dos océanos e a perda de xeo nos polos, o mandatario provincial puxo o foco na importancia de traballar xuntos desde todos os eidos na protección das Rías Baixas e os seus ecosistemas mariños. “Iniciativas como este programa +Rías ou unha mellor e máis próxima xestión do noso litoral, polo que a Xunta loitou tanto para conseguir as competencias, permiten avanzar cara ese obxectivo fundamental, que é garantir o futuro das nosas rías como un ecosistema mariño único, como unha contorna privilexiada para vivir e como o noso maior activo de benestar e de desenvolvemento económico”, rematou o presidente Luis López. 

O proxecto +Rías está promovido pola Deputación de Pontevedra e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). Con iniciativas como esta, a Deputación reafirma o seu compromiso coa educación ambiental e a protección do medio mariño, fomentando entre as novas xeracións o respecto e a responsabilidade cara ao patrimonio natural da provincia.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.