A Deputación contratará por 3,5 millóns de euros o proxecto de mellora da eficiencia enerxética do Centro Infantil Príncipe Felipe

“Queremos garantir que os nenos e nenas conten cun espazo máis moderno, eficiente e adaptado ás súas necesidades e así este goberno provincial está a impulsar un dos investimentos máis importantes da historia recente do Príncipe Felipe”, explicou o presidente, Luis López

30/04/2026

O presidente da Deputación na entrada de Presidencia no pazo provincial

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente de contratación para as obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro Infantil do Príncipe Felipe, un edificio que inclúe o centro de acollemento destinado a menores de 0-8 anos, a Escola Infantil 0-3 anos Príncipe Felipe e o local social da Asociación Alba, así como diversos servizos como a cociña, o comedor xeral ou a enfermería. O proxecto, que conta cun orzamento total de 3,5 millóns de euros, busca “garantir que os nenos e nenas conten cun espazo máis moderno, eficiente e adaptado ás súas necesidades e así este goberno provincial está a impulsar un dos investimentos máis importantes da historia recente do Príncipe Felipe”, como explicou o presidente, Luis López.

Desta maneira, procederase a renovar completamente as fachadas, substituíndo a envolvente actual por sistemas máis eficientes, con fachada ventilada e novos illamentos que permitirán mellorar o comportamento enerxético do edificio; cambiar todas as carpinterías exteriores, instalando ventás de aluminio con rotura de ponte térmica e dobre acristalamento para mellorar o illamento e o confort interior, e actuar nas cubertas e nos patios, revisando e reparando a impermeabilización e o sistema de evacuación de augas para solucionar os problemas de filtracións existentes.

Ademais, tamén se contempla mellorar a accesibilidade, coa construción de novas ramplas que permitan un acceso máis cómodo e seguro ao edificio e ás zonas exteriores, e modernizar diferentes elementos do edificio, como o sistema de iluminación e algunhas zonas exteriores, incluíndo a área de xogos infantís, para adaptalas mellor ao uso do centro.

 

videos

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.