A Deputación leva este venres 14 de agosto ata Mondariz e Gondomar concertos de Los Jinetes del Trópico, Queiman Folki e The Crass

A praza de España de Mondariz acollerá a partir das 23:00 horas o concerto de Los Jinetes del Trópico e á 1:00 el de Queiman Folki, mentres que a actuación de The Crass é en Gondomar na praza da Paradela ás 22:30 horas

11/08/2026

A Deputación de Pontevedra leva este venres 14 de agosto ata Mondariz e Gondomar concertos de Los Jinetes del Trópico, de Queiman Folki de Bruxo Queiman e The Crass. no marco da nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A praza de España de Mondariz acollerá ás 23:00 horas o concerto de Los Jinetes del Trópico e á 1:00 o de Queiman Folki, dentro da programación das Festas da Peña de Francia e San Roque, mentres que a actuación de The Crass terá lugar en Gondomar na praza de Paradela ás 22:30 horas.

Los Jinetes del Trópico é unha banda con repertorio baseado no costumismo galego, con cancións como "Namoreime dunha Pulpeira" ou "Furancho" e teñen pasado por multitude de programas televisivos como Got Talent, Luar, Xuntos, Bamboleo, entre outros. Teñen xirado en festivais coma Revenidas, Armadiña Rock, Atlantic Fest ou Atlantic Pride e gañaron o premio ás bandas emerxentes da fundación Paideia no ano 2019. Na actualidade contan cun directo consolidado onde con máis de 20 temas propios.

Pola súa banda, Queiman Folki é unha creación artística única en Galicia, impulsada por Bruxo Queiman e un equipo de músicos, cantantes e bailarinas cunha longa traxectoria en escenarios de Galicia, Portugal e o resto do territorio nacional. A formación destaca pola súa capacidade para fusionar o folk celta galego coa enerxía do rock, nunha proposta que combina música ao vivo, danza, teatralidade e o elemento simbólico do lume. O elenco está formado por artistas multidisciplinares con experiencia en festivais, grandes eventos culturais, programación municipal e espectáculos de gran formato.

Por último, The Crass presenta en Gondomar o seu novo traballo “Mushroom problem”, unha homenaxe á esencia musical das nacións Celtas. Co mesmo concepto creativo, o mesmo carácter  de sempre e cunha posta en escena renovada, interpreta un repertorio na súa maioría de obras de propia autoría, así como unha pequena selección de clásicos galegos adaptados ao estilo do grupo.

Estes espectáculos son tres das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.