A Deputación lanza Ao son da nova regueifa, un pioneiro programa provincial dirixido a centros de educación secundaria da provincia para difundir entre a mocidade esta práctica cultural
O programa, dirixido a centros educativos de secundaria públicos, consiste na difusión do documental “Ao son da nova regueifa” co obxectivo de achegar á xuventude o papel fundamental desta forma de expresión oral improvisada para a lingua
06/06/2026
A Deputación de Pontevedra lanza un novo programa dirixido a centros de educación secundaria da provincia: Ao son da nova regueifa. A través desta pioneira iniciativa provincial, ofértanse 30 pases do documental “Ao son da nova regueifa” para centros educativos de secundaria sostidos con fondos públicos, co obxectivo de divulgar entre a mocidade o papel fundamental desta forma de expresión oral improvisada para a lingua. Os centros interesados na proxección do documental poderán solicitalo entre o luns 8 de xuño e o 30 de novembro.
“Ao son da nova regueifa” aborda a revitalización das regueifas, combates de enxeño onde as persoas participantes van cantando por quendas, respondéndose uns aos outros, con rimas rápidas e moita retranca, normalmente ao ritmo dunha melodía popular. O documental analiza o proceso de recuperación desta práctica cultural que historicamente tivo presenza en múltiples comarcas galegas, incluíndo diferentes zonas do sur da provincia, e reflexiona sobre a súa capacidade de adaptación ás novas xeracións, aos espazos urbanos e aos ámbitos educativos, consolidándose como unha ferramenta de transmisión interxeracional. Máis que unha simple reportaxe, o documental funciona como un testemuño de como o patrimonio inmaterial galego se adapta ás novas xeracións para seguir vivo.
No 2025 a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas á poesía popular oral. Neste contexto, dentro das tradicións populares, xorde a improvisación oral da lingua galega en verso, que inclúe as regueifas, os brindos, as loias e outras modalidades similares que teñen como fío común a oralidade, o desafío, a rima, o enxeño e a arte.