A Deputación inicia esta semana dez novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Máis de 200 veciños de seis concellos comezarán esta semana actividades relacionados coa cociña saudable, plantas medicinais, bailes de salón, pandeireta ou bricolaxe do fogar
13/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, desde este luns 13 ata o venres 18 de setembro, comezarán 10 novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 216 veciños de seis concellos da provincia: Cerdedo Cotobade, Lalín, Ponteareas, Redondela, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Desta maneira, este luns 14 de setembro 25 persoas da Asociación de Veciños San Roque (Vigo) comezarán o curso de ximnasia de mantemento para persoas maiores, ao igual que 23 persoas da Asociación de Veciños de Santa Eulalia de Losón (Lalín). Pola súa banda, 25 persoas da Asociación de Veciños O Piorno (Vilagarcía de Arousa) o de cociña saudable e nutritiva para +50, 24 da Asociación Casa Cultural de Bugarín (Ponteareas) o de plantas medicinais, 21 da Asociación Cultural Deportiva Cidadelle (Redondela) o de cociña saudable e nutritiva para +50 e 25 da Asociación de Veciños de Coruxo (Vigo) o de plantas medicinais.
Por outra banda, o martes 15 de setembro 15 usuarios da Asociación de Veciños e Centro Cultural da Parroquia de Santo Estevo de Negros (Redondela) darán inicio ao curso de pandeireta e canto popular e 18 da Asociación de Veciños a Nosa Terra de Alcabre (Vigo) ao de plantas medicinais, mentres que o venres 18 serán 25 as persoas da Asociación de Veciños Plaza da Miñoca (Vigo) as que comecen o curso de cociña saudable e nutritiva para +50, mentres que 15 persoas da Asociación San Martiño de Rebordelo (Cerdedo Cotobade) comezarán o de bricolaxe do fogar.
A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.